O Concello mantén a programación sociocultural de todos os anos destacando neste mes os festivais ‘Solpor Monteferro’, ‘Nigranjazz’, ‘Cinema a Pedal’, ‘Reggaeton Beach Festival’ ou ‘Flota como Poidas’
O mes de agosto arranca con Carlos Núñez como prato forte e inclúe tamén ‘Parrulas Fest’, ‘Cine no Muíño’, ‘Nigranblues’ ou ‘Chandefolk’
Ao longo do verán o Concello irá dando máis detalles e desvelando outras novidades da programación estival
O Concello de Nigrán reforza o seu compromiso cos festivais máis senlleiros da programación sociocultural de verán. Así, neste mes de xullo non faltarán no calendario municipal os seus eventos máis aclamados, como son ‘Solpor Monteferro’ no miradoiro (4 e 5 de xullo); no esteiro de A Foz ‘Cinema a Pedal’ (10 ao 12 de xullo ) e ‘Nigranjazz’ (18 e 19 de xullo); ‘Reggaeton Beach Festival’ en Porto do Molle (26 e 27 de xullo) ou a divertida concentración de artefactos flotantes ‘Flota como Poidas’ na desembocadura do río Miñor (27 de xullo). E en agosto o Concello seguirá tamén na sintonía dos pasados anos co gaiteiro Carlos Núñez en Monteferro como prato forte no seu inicio (2 de agosto); o festival míudo ‘Parrulas Fest’ no esteiro de A Foz (do 4 ao 7 de agosto); ‘Cine no Muíño’ en Porto do Molle (11 e 18 de agosto); ‘Nigranblues’ en Gaifar (16 de agosto) e Chandefolk en Chandebrito (23 de agosto). Toda a programación polo míudo está pendurada na web municipal www.nigran.es (apartado ‘Próximos Eventos’) e ao longo do verán iranse anunciando máis actividades e outras novidades.
Os eventos deportivos clásicos tampouco faltarán á tradicional cita de verán. Estes arrancan coa décima edición do torneo de rugbi-praia ‘Melgachos’ en Praia América, continuará cos nadadores de ‘Costa Serena’ o domingo 13 de xullo e haberá ‘Ioga no Solpor’ en Patos os martes e xoves de xullo e agosto (o Concello informará do seu inicio). Todo elo sumado as tradicionais actividades deportivas na praia que se levan adiante desde o día 1 de xullo no complexo deportivo de Gaifar (zumba, pilates, ioga e tai-chi) e os roteiros guiados dos sábados que arrancan o 5 de xullo con ‘Praia América- A Niza galega’ e que se extenderán todo xullo e agosto.
Polo medio intercálanse eventos como a feira de antigüidades o 5 e 6 de xullo no Pavillón de Panxón, o concerto de habaneras da coral Novos Aires o día 5 de xullo; a sardiñada de Monteferro o 6 de xullo; o tradicional encontro de violonchelistas ‘Soncello’ que culminará con tres concertos en diferentes localizacións (13, 15 e 17 de xullo); o ‘Día dos Avós’ o 26 de xullo; as festas de San Fiz, patrón de Nigrán, o 31 de xullo e 1 de agosto; a Festa dos ovos con chourizo de Parada o 8 de agosto, o mesmo día o concerto de Rubén Simeó; romería no muíño de Porto do Molle o 9 de agosto; o festival DJ Atlantica Beach Party o 14 de agosto en Praia América; concerto de ‘De Vacas’ o 15 de agosto ou de Serafín Zubiri o 30 de agosto.
“Seguimos na mesma liña que os anos anteriores, apostando por diferentes eventos e festivais pensados en todo tipo de públicos e que, de xeito contrastado, sabemos que funcionan e que son moi agardados”, explica o alcalde, Juan González.