HomePontevedraO SalnésO BNG de Sanxenxo lamenta que a irresponsabilidade na xestión urbanística de...

O BNG de Sanxenxo lamenta que a irresponsabilidade na xestión urbanística de Telmo Martín estivese a piques de provocar outra carga millonaria á veciñanza

- Anuncio -spot_img

O Pleno aprobou este mércores, en sesión extraordinaria, unha modificación puntual do PXOM que busca legalizar a actividade do Burger King do Vinquiño, sobre o que pesaba unha sentenza de derribo que provocaría o pago dunha cuantiosa indemnización por parte do Concello


“Un Goberno responsable primeiro establecería a ordenación axeitada e despois outorgaría a licenza, pero a política de cemento e formigón de Telmo Martín estivo moi preto de provocar outra nova carga económica á veciñanza”, denuncian os nacionalistas

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo abtívose na votación celebrada este mércores no Pleno extraordinario convocado para a aprobación provisional da modificación puntual número 15 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Trátase dunha medida que afecta aos terreos situados no lugar do Vinquiño, a carón da rotonda de saída da Autovía do Salnés, e que, tal e como explicou durante a sesión o voceiro nacionalista, Fran Leiro, o Goberno do Partido Popular leva a cabo co obxectivo de evitar unha nova sentenza urbanística millonaria que “terían que afrontar os veciños e veciñas de Sanxenxo tal e como xa sucedeu con outros precedentes, como a sentenza correspondente á expropiación dos terreos da familia Rocafort, que, polo orgullo e a incapacidade de xestión de Telmo Martín, Sanxenxo veuse abocado a gastar máis de 13 millóns de euros”.

Lembrou o concelleiro do Bloque que existe unha sentencia xudicial, emitida a raíz dunha alegación presentada contra a licenza que o Concello aprobou no seu día para a actividade que desenvolve na zona un establecemento de Burger King. A devandita resolución consideraba ilegal esta actividade, de aí que o Goberno de Telmo Martín promova agora esta modificación “co fin principal de evitar a demolición das instalacións e o pago dunha indemnización millonaria a esta empresa”.

Este feito corrobórase nos informes que manexa o BNG, que ten claro que, nesta ocasión, a política de cemento e formigón que promove o alcalde estivo a piques de provocar unha nova sangría económica para a veciñanza, como xa sucedeu con outras actuacións urbanísticas impulsadas por Telmo Martín durante décadas. Neste Pleno, os nacionalistas non votaron en contra e defenderon a súa abstención no voto porque “por responsabilidade política non podemos opoñernos á modificación puntual, xa que é necesario evitar máis cargas millonarias aos veciños e veciñas de Sanxenxo”. Iso si, Fran Leiro deixou claro que o Bloque opúxose no seu día á licenza de actividade que se lle outorgou á empresa por parte do Concello. “Concedéuselle un permiso para realizar unha actividade de restauración en solo rústico, algo que non é legal. Un Goberno responsable o que faría primeiro sería promover a ordenación axeitada da zona e despois outorgar a licenza. Esta é unha mostra máis da terrorífica xestión urbanística de cemento e formigón de Telmo Martín”, apuntou o voceiro do BNG, que rexeita as argumentacións dadas polo Partido Popular sobre as razóns desta modificación puntual. “É evidente que o que realmente se busca é evitar a toda costa o derribo e a idenmización. Máis alá diso, non hai ningún tipo de interese xeral que xustifique esta proposta. O que ten maiores implicacións é o feito de evitar o que establece a sentenza xudicial”, asegurou Fran Leiro, que tamén defendeu os argumentos expostos polo particular que presentou a alegación que provocou esta situación.

Por último, desde o BNG rexeitan a argumentación exposta polo Partido Popular, que descarga na Xunta a responsabilidade de outorgar licencias a estacións de servizo como a que existe nesta zona do Vinquiño. “A xustiza dictaminou que a actividade do Burger King non é legal. A realidade é que se evita ‘in extremis’ unha nova carga millonaria que é consecuencia da irresponsabilidade do Goberno do Partido Popular, con Telmo Martín á cabeza”, concluíu Fran Leiro.

Publicacións Relacionadas