HomeVigoNigránO concello de Nigrán volve a conectar Porto do Molle e Praia...

O concello de Nigrán volve a conectar Porto do Molle e Praia América todos os fins de semanas e festivos a través do “Nigranbus”

- Anuncio -spot_img

Este ano, como principal novidade, fará parada no centro de Nigrán e sairá desde a área de servizo de caravanas en Porto do Molle atas as pistas de Gaifar cunha frecuencia de 20 minutos

Os usuarios terán todos os beneficios da Tarxeta Metropolitana, o que supón 0,45 céntimos por traxecto e gratis as viaxes para menores de 21 e maiores de 65

“É un aforro de tempo e combustible, resultando un modelo de mobilidade moito máis sostible e que desde o Concello queremos promover”, explica o alcalde, Juan González

O resto da semana a liña intramunicipal Nigranbus creada no 2022 polo Concello de Nigrán seguirá co seu percorrido habitual de Chandebrito a Priegue pasando por todas as parroquias (incluíndo a parada na praia)

Chegar a Praia América e tombarse ao sol en tempo récord co handicap de ser fin de semana ou festivo volverá a ser posible para a veciñanza que vive máis alonxada da costa. Con este propósito, o Concello de Nigrán facilitará por terceiro ano consecutivo o traslado ao areal establecendo o Nigranbus como lanzadeira todos os sábados, domingos e festivos de xullo e agosto con todos os beneficios da tarxeta de transporte metropolitano. Como principais novidades, a liña arrancará desde o parking da área de servizo de caravanas de Porto do Molle que se estreará a vindeira semana (entre a rúa Xial e Barreira, a escasos metros do Centro Comercial Nasas) e fará parada no centro de Nigrán (Praza Rosalía de Castro) para finalizar en Gaifar. “Introduxemos estes cambios para facilitar tamén o servizo a posibles caravanistas que, deste xeito, non ocuparán espazo de aparcamento na costa e, ao mesmo tempo, para poder recoller á veciñanza do núcleo urbano e conectalos tamén mellor coa praia e con Porto do Molle”, explica Diego García Moreira, edil de Mobilidade que deseñou esta liña que no ano pasado arrancaba desde o final de Porto do Molle (rúa das Pontes) e remataba na rúa Rans (Praia América) sen paradas intermedias.

Funcionará co mesmo autobús empregado para o Nigranbus de luns a venres (vehículo de 22 prazas máis unha de mobilidade reducida) e a frecuencia será de 20 minutos de 12:00 a 13:00 horas, de 14:20 a 16:30 e de 17:30 a 20:30 horas. O resto da semana esta liña intramunicipal Nigranbus creada no 2022 polo Concello de Nigrán seguirá co seu percorrido habitual de Chandebrito a Priegue pasando por todas as parroquias (incluíndo a parada de Gaifar, ao carón das pistas deportivas).

“É un aforro de tempo e combustible, resultando un modelo de mobilidade moito máis sostible e que desde o Concello queremos promover”, explica o alcalde, Juan González, en referencia ao problema de aparcar preto da praia e ao propio custe do Nigranbus, xa que tras conseguir o goberno local que a liña fose incluída como ‘Servizo de Interese Municipal’ (SIMU) dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia este beneficiase de todas as bonificacións que lle corresponde coa devandita tarxeta de usuario, é dicir, supón 0,70 ou 0,45 céntimos por traxecto se é unha viaxe habitual, gratis para xubilados e menores de 21 anos e trasbordos incluídos (sen esta tarxeta a tarifa non bonificada sería de 1,55 €).

“O tempo estimado de percorrido é de 20 minutos, así que calquera usuario poderá achegarse a parada sabendo que, como máximo nese tempo estará subindo ao autobús. Non cabe dúbida de que aforras moitísimo tempo con respecto a achegarte co teu propio coche en fin de semana e que resulta máis económico”, explica González.

“Ten outra vantaxe engadida esta lanzadeira: cremos que quen se anime a subir ao Nigranbus para ir á praia o fará tamén o resto do ano e entre semana, é un xeito de animar á xente a romper coa rutina e, neste caso, resulta evidente que é o medio de transporte máis cómodo”, reflexiona o alcalde, quen incide que “en calquera caso o Nigranbus é un servizo que non se mide en termos de sostibilidade económica, se non en beneficio social para a veciñanza”.

Publicacións Relacionadas