O deputado provincial Ricardo Martínez visitou hoxe o concello, onde anunciou que a actuación estará financiada ao 100% con recursos do Plan +Provincia que se aprobarán na Xunta de Goberno deste venres
O deputado provincial Ricardo Martínez acaba de realizar unha visita a Cuntis, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente as obras para a mellora do firme en varias vías municipais da vila. A Xunta de Goberno aprobará este venres unha achega de máis de 160.000 euros para impulsar esta actuación con recursos procedentes do Plan +Provincia. Nesta anualidade, este programa provincial destina á vila un total de 633.209 € e, no caso da liña 1 de investimentos, máis de 443.247 euros.
O deputado deu conta dos traballos que Cuntis levará a cabo con estes fondos provinciais, que permitirán a mellora do pavimento en camiños situados nas parroquias de Arcos, Estacas, Cuntis e Troáns. Estas vías municipais presentan un avanzado deterioro e a maior parte das súas cunetas atópanse atrancadas ou amosan problemas na circulación das augas de enxurrada. Todos os camiños dan acceso a vivendas, polo que coas actuacións previstas mellorarase a rede viaria facilitando a circulación, pero tamén influirá positivamente na calidade de vida dos veciños destas parroquias. A mellora da capa de rodaxe, do sistema de evacuación de pluviais e da sinalización son as obras fundamentais que se levarán a cabo con tal fin.
Ricardo Martínez puxo en valor que o Plan +Provincia “representa perfectamente o modelo de actuación deste goberno provincial, que supón un gran compromiso cos concellos para darlles resposta ás súas demandas”. O deputado provincial destacou que este plan ten o obxectivo de “transformar a provincia de Pontevedra, impulsando a modernización das súas vilas e mellorando a calidade de vida da cidadanía”.