HomeLugoA Mariña OrientalA Xunta e os concellos de Ribadeo e Trabada colaborarán para garantir...

A Xunta e os concellos de Ribadeo e Trabada colaborarán para garantir o abastecemento a preto de 10.000 habitantes cun investimento de 8,5 M€

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez salienta a importancia do proxecto para esta zona, cunha rede de fai 40 anos e con continuas avarías polo que non garante a cobertura da demanda
  • Entre os traballos a executar destaca a construción dunha condución de 15 km, paralela á actual, entre os depósitos de Vilarbetote e Loureiro, ao tempo que se recuperará a antiga vía do tren mineiro para habilitar unha senda peonil de 3,5 km

A Xunta de Galicia e os concellos de Ribadeo e de Trabada colaborarán xuntos para mellorar a rede de abastecemento de auga a ambos municipios, actuación que beneficiará a unha poboación potencial de preto de 10.000 habitantes e que suporá mobilizar un investimento total de 8,5 millóns de euros.

Esta intervención será posible grazas ao convenio asinado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e os rexedores de Ribadeo, Daniel Vega, e Trabada, Rubén García, no cal se concreta que a achega da Xunta será do 80% —con cofinanciamento da UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)— mentres o Concello de Ribadeo asumirá o 20% restante e o de Trabada, porá á disposición os terreos necesarios para a execución das obras.

A colaboración entre as tres administracións ten como obxectivo a execución dunha nova rede de abastecemento que atravesará ambos concellos e mellorará o subministro de auga potable na zona, sobre todo no caso de Ribadeo.

Acompañada do director de Augas de Galicia, Roi Fernández, a conselleira salientou a transcendencia do acordo para a veciñanza, recordando o deterioro da rede de abastecemento existente —construída fai 40 anos— así como as avarías e roturas que sofre e que impiden que se poida garantir a cobertura da demanda de auga actual.

Para corrixir esta situación, o convenio prevé toda unha serie de intervencións en ambos municipios que terá como actuación principal a execución dunha nova condución de fundición de 15 quilómetros entre o depósito de Vilarbetote (no concello de Trabada) e o depósito de Loureiro (Ribadeo) que mellorará a rede de abastecemento a Ribadeo e discorrerá en paralelo á tubaxe xa existente. Ademais, a futuro, as obras novas poderán darlle servizo tamén aos veciños de Trabada.

Así mesmo, recuperaranse 3,5 quilómetros da antiga vía do tren mineiro para habilitar unha senda peonil e facilitar o acceso para labores de mantemento, ao tempo que se colocará unha nova pasarela sobre o río Grande.

Tras a sinatura do convenio de colaboración para mellorar o abastecemento a Ribadeo e Trabada, cunha vixencia de cinco anos, a previsión de Augas de Galicia é que as obras estean licitadas antes de que remate este verán e adxudicadas a comezos do que vén.

Aposta por un rural sostible

Por outra banda, a conselleira incidiu tamén en que o Goberno galego é consciente de que para incrementar a resiliencia hídrica do conxunto da Comunidade hai que contar cun rural sostible como motor para garantir esta mellora. Así, a xestión do ciclo da auga no rural é clave para fixar poboación e para incrementar esa fortaleza.

Neste contexto e para darlle continuidade ao apoio económico ás entidades locais no exercicio das súas competencias en materia de augas, cómpre lembrar que a Xunta destina este ano 7,5 millóns de euros a través de seis liñas de axudas co obxectivo común de mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento e de saneamento municipais e ofrecer un mellor servizo á cidadanía neste eido.

Grazas a elas, fomentaranse alternativas de abastecemento para os pequenos núcleos, buscaranse fórmulas axeitadas para a xestión das foxas sépticas, con axudas directas para a súa renovación, ou incrementarase o acceso da poboación ás redes municipais de abastecemento e de saneamento.

Publicacións Relacionadas