HomePontevedraA ParadantaA Deputación presenta un estudo de viabilidade para dotar a residencia de...

A Deputación presenta un estudo de viabilidade para dotar a residencia de maiores de Crecente dunha instalación fotovoltaica

- Anuncio -spot_img

O deputado provincial presentou os resultados deste informe enmarcado na Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables

O deputado provincial de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos, Fondos Europeos e Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Javier Tourís, presentou en Crecente os resultados dun estudo de viabilidade para dotar dunha instalación fotovoltaica a súa residencia de maiores. O proxecto enmárcase na Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables, un proxecto que busca fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en toda as comarcas da provincia, alcanzando tanto núcleos urbanos e rurais como industriais, así como outras medidas para o impulso da eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático na provincia.

O estudo de viabilidade (desde o punto de vista técnico e económico) dunha instalación fotovoltaica na residencia de maiores de San Pedro de Crecente conclúe que se trata dunha opción viable e sostible que contribuirá tanto á eficiencia enerxética como á transición ecolóxica do centro. A instalación podería ter unha potencia máxima de xeración de 41,8 kWp e uns excedentes elevados. Na metodoloxía do estudo incluíronse dous casos de cálculo, centrado un na maximización da produción e o outro na redución de excedentes: en ambos os dous casos calcúlase un período de retorno arredor aos nove anos, que se podería reducir substancialmente no caso de obter axudas ou se se incorporan outros consumos mediante a creación dunha comunidade enerxética, que reduciría o investimento e diluiría os gastos de operación e mantemento.

O estudo tamén sinala que esta instalación non tería afección ao medio ambiente, ao emprazarse nunha construción xa existente. Do mesmo xeito, destaca por unha banda a elevada fiabilidade do sistema, con garantías longas para os paneis e os compoñentes eléctricos, e pola outra a súa boa sinerxía con outras tecnoloxías limpas, cos sistemas térmicos tanto de xeración de auga quente como de refrixeración, así como cos puntos de recarga para vehículos eléctricos, que tamén se poderían integrar na residencia aproveitando esta instalación.

A Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables, financiada con fondos Next Generation EU, está situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro (situado no Polígono de Barro), e trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade.

Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, formación e investigación, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial. O seu obxectivo é impulsar entre a poboación da provincia a transición enerxética, potenciar a autosuficiente enerxética das vilas e aldeas, mellorar a eficiencia enerxética e contribuír a unha transición cara a un modelo de enerxía máis sostible e responsable.

Desde +Renovables a Deputación acompaña aquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética, ofrecéndolles un completo asesoramento nas fases de constitución, desenvolvemento e explotación das comunidades enerxéticas. Durante este tempo axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén se presta asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación das comunidades enerxéticas que inclúen a análise da capacidade produtiva de enerxía, estudos económicos para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou tamén outros de carácter legal e xurídico.

Publicacións Relacionadas