HomeVigoPazos de BorbénPazos de Borbén arranca o seu Verán Cultural con Cándido Pazó este...

Pazos de Borbén arranca o seu Verán Cultural con Cándido Pazó este xoves 4 de xullo

- Anuncio -spot_img

O Concello de Pazos de Borbén presenta unha programación cultural estival chea de espectáculos para todos os públicos, con teatro, música, contacontos e actividades infantís. A primeira das citas terá lugar este venres 4 de xullo ás 21:30 horas na Casa Cultural de Nespereira, coa actuación do recoñecido actor e dramaturgo Cándido Pazó, que traerá ao noso concello o seu espectáculo “Contar para vivilo”.

Unha oportunidade única para gozar en directo da mestría narrativa dun dos grandes nomes da escena galega, nun espectáculo que mestura emoción, humor e tradición oral. Desde o goberno municipal convidamos á veciñanza e visitantes a participar nesta actividade que inaugura unha axenda de verán pensada para dinamizar os espazos públicos e fomentar a cultura accesible no rural.

A programación continuará o 13 de xullo coa actuación das Cantareiras Polo Correo do Vento, que ofrecerán un contacontos para público familiar na Área Recreativa do Torreiro de Nespereira (ás 19:00 horas).

En agosto, a cultura volverá a ser protagonista en Pazos de Borbén cunha obra de teatro, un concerto de fados e unha festa infantil:

  • 10 de agosto: Teatro ‘Punto en Boca’ (hora: 21:00, lugar por confirmar).
  • 16 de agosto: Concerto de María do Ceo, unha das grandes voces do fado galego, na Igrexa de Santa María de Pazos (21:00 horas).
  • 17 de agosto: Espectáculo de Títeres Cachirulo e festa da escuma para os máis pequenos/as na Praza do Concello (19:00 horas).

Todas as actividades contan co apoio da Deputación de Pontevedra e están deseñadas para promover o acceso á cultura en familia e en contornas naturais e patrimoniais do municipio.

Desde o Concello de Pazos de Borbén convidamos a toda a cidadanía a participar e gozar dun verán cheo de cultura, diversión e encontro social.

Publicacións Relacionadas