- Turismo de Galicia dá cobertura á celebración do concerto do referente mundial da salsa e o merengue en Sanxenxo, na Praza do Mar, o sábado, 19 de xullo, ás 21.30 horas
- O director de Turismo de Galicia presentou o concerto esta mañá que se suma á trintena eventos que teñen lugar este ano na provincia de Pontevedra
A nova xira ‘Tour España 2025’ da estrela internacional Juan Luis Guerra fará unha parada en Galicia este mes de xullo no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. O rei da bachata visitará a Praza do Mar de Sanxenxo, en Pontevedra, o sábado 19 de xullo, ás 21.30h. As últimas entradas para o concerto están dispoñibles a través da plataforma en liña https://sfx-events.com/evento/juan-luis-guerra-espana-2025/. Así foi presentado este mañá en rolda de prensa da man do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
Durante o acto, o director de Turismo de Galicia destacou “a oportunidade de ver de novo en Galicia a un artista de renome mundial como Juan Luis Guerra, con máis de catro décadas de traxectoria ás súas costas e millares de seguidores de todas partes do mundo que abranguen diferentes xeracións, é todo un luxo para a nosa comunidade”. E engadiu: “a misión do programa dos Concertos do Xacobeo, impulsados pola Xunta, é darlle cobertura a citas únicas e exclusivas como este concerto, que engaden valor á oferta turística da comunidade”.
Juan Luis Guerra, nado o 7 de xuño de 1957 en Santo Domingo, na República Dominicana, é un destacado cantante, compositor e produtor musical. A súa influencia na música latina e caribeña fan del unha figura icónica e respectada da escena musical internacional.
Guerra comezou a súa carreira musical a unha idade moi nova, estudando música na Universidade Autónoma de Santo Domingo e, máis tarde, no Berklee College of Music en Boston. A súa formación musical diversa permitiulle fusionar unha variedade de xéneros, que inclúen merengue, bachata, salsa, jazz e música folklórica dominicana, dando lugar a un son único e fresco.
En 1984, fundou a banda Juan Luis Guerra y 440. O seu álbum debut, Soplando, marcou o inicio dunha carreira que incluiría numerosos éxitos ao longo de máis de catro décadas. Un dos momentos máis destacados da súa carreira foi o lanzamento do seu álbum Bachata Rosa en 1990. Este traballo, que inclúe éxitos como Burbujas de amor e Estrellitas y duendes, consolidou a súa posición como líder no xénero da bachata e valeulle numerosos premios, incluíndo varios Grammy.
Concertos do Xacobeo
Con máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia, Concertos do Xacobeo suma na provincia de Pontevedra dunha trintena de eventos, como Portamérica, Atlantic Fest, Costa Feira, Orballo Cultural ou Revenidas.
Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna cunha grande afluencia de visitantes na época estival, contribuíndo á dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, coa posta en valor da paisaxe e a riqueza patrimonial e paisaxística local.
Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.