HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación aproba a ampliación da duración do programa Erasmus+ 2024

A Deputación aproba a ampliación da duración do programa Erasmus+ 2024

- Anuncio -spot_img

A convocatoria pasará de ter unha duración de 15 a 24 meses, finalizando o 31 de maio de 2026

Luis López lembrou que este xoves mantivo un encontro cos 74 alumnos que sairán entre xullo e outubro a realizar prácticas no estranxeiro, e que se suman ás outras 20 persoas que xa están participando na actualidade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou da aprobación en Xunta de Goberno da ampliación da duración do proxecto Erasmus+ 2024, que ten o obxectivo de completar a formación do alumnado de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións situadas en países da Unión Europea. “Este programa imprescindible para a formación da mocidade pasará de durar 15 meses a 24 meses, polo que a súa nova data de finalización será o 31 de maio de 2026”, salientou o presidente, que lembrou que este mesmo xoves tanto el como a vicepresidenta Luisa Sánchez se reuniron no Pazo provincial cos 74 estudantes que sairán entre os meses de xullo e outubro para ofrecerlles información e aclarar as súas dúbidas.

A Deputación de Pontevedra está a investir neste proxecto un total de 890.000 euros, dos que 690.000 euros proceden dunha axuda do SEPIE e, os 200.000 euros restantes, de fondos propios da Deputación. Grazas a estes recursos, alumnos de FP realizarán as súas estadías no estranxeiro, dunha duración aproximada de seis meses, e docentes e persoal de FP realizarán mobilidades de aprendizaxe por observación (de arredor dunha semana) en países como Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal ou Romanía, así como calquera outro que estea incluído no Erasmus+. Ás 74 persoas que sairán estes meses súmanselle as 20 que xa están no estranxeiro, concretamente en Croacia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal.

Para a xestión desta iniciativa a Deputación de Pontevedra ten un consorcio de mobilidade formado por 43 centros de 24 concellos da provincia que poden ofrecer ao seu alumnado a posibilidade de realizar estes períodos de prácticas no estranxeiro. Despois de que os centros seleccionen os alumnos, a Deputación de Pontevedra é a encargada das xestións relativas ás mobilidades, facéndose cargo dos trámites relativos á busca de empresas de acollida, á tramitación das bolsas ou á contratación dos seguros.

“Queremos que a nosa mocidade, que é o noso gran piar, sexa a mellor preparada da historia, teña o maior coñecemento posible para facer fronte aos retos do futuro, que aprenda no estranxeiro e que regrese para poder poñer o seu talento á disposición da nosa provincia”, sinalou o presidente da Deputación.

Publicacións Relacionadas