A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este venres en Vigo no acto de clausura dun curso de restauración de mobles e tapicería do programa Provincia activa no que participaron usuarios da Asociación de Veciños da Praza da Miñoca. A vicepresidenta provincial lembrou que este programa busca “favorecer o envellecemento activo e crear espazos de encontro e intercambio de experiencias”, no marco do “compromiso que temos desde a Deputación coas persoas maiores da nosa provincia: traballamos cada día para mellorar a calidade de vida de toda a nosa cidadanía”, salientou Luisa Sánchez.
A vicepresidenta da Deputación puxo en valor o esforzo do Goberno provincial para “incrementar, optimizar e mellorar a oferta de actividades dirixidas a persoas como vós” e puxo en valor programas como +Benestar ou +Reto dixital, no que se están levando a cabo cursos de competencias dixitais específicas para persoas maiores. Luisa Sánchez tamén puxo en valor que, con este curso de restauración de mobles, “contribuímos a darlle unha segunda vida a obxectos que moitos desbotarían á mínima de cambio, e deste xeito fomentamos a sostibilidade e evitamos que os vertedoiros se enchan de mobles que cun pouco de mimo e de traballo seguen sendo útiles”.