HomePontevedraCaldasOs veciños de Romai (Portas) reviven a peregrinación polas súas aldeas en...

Os veciños de Romai (Portas) reviven a peregrinación polas súas aldeas en vésperas de celebración dos actos relixiosos para honrar á virxe do Carmen

- Anuncio -spot_img

A Virxe, acompañada polo cura párroco e os seus fieis devotos, vai en procesión do 7 ao 15 de xullo polos distintos lugares e pernoita nas casas previstas durante o percorrido.

Os veciños da parroquia de San Julián de Romai (Portas) reviven do 7 ao 15 de xullo a peregrinación polas distintas aldeas e lugares que conforman a parroquia como acto previo á celebración dos actos relixiosos en honra á Virxe do Carmen, que terá lugar o 16 de xullo cunha misa solemne e procesión ás 13 horas.

O séquito que acompaña á Virxe do Carmen está encabezado polo cura párroco, don Edgar Emir Méndez Barrera, oriúndo de Venezuela, e percorre todos os lugares da parroquia por etapas e facendo pernoitas (a imaxe) en distintas casas habilitadas para iso durante o percorrido.

Así o 7 o cortexo saíu da igrexa parroquial a Romai Vello; o 8 continuou ata Frieiro, pasando por Trasdorrío; o 9 chega a Xagobe; o 10 fará o percorrido ata Portodosalto, pasando por Chandouteiro; o 11 avanzará ata Vilavedra; o 12 desprazarase a Cubelo, pasando por Bacelo; o 13 rematará na praza de Tarrío mentres que o 14 irá de Tarrío a Costa-Mourigán e o 15 fará o traxecto final ata Currás.

Durante as procesións, os devotos acompañan á imaxe da Virxe do Carmen á vez que van reflexionando e rezando o Santo Rosario, rematando a xornada coa celebración da Eucaristía.

Deste xeito, o cura párroco don Edgar Emir Méndez Barrera e os devotos da Virxe do Carmen van realizando todo o percorrido mostrando a súa fe e o seu amor filial pola Virxe Nai.

Publicacións Relacionadas