The Rapants actuará ás 22:00 horas no Peirao de Arcade, en Soutomaior, mentres que o concerto de Boyanka Kostova e Quinkillada será ás 23:00 horas na explanada da Casa da Cultura de Riomaior
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 12 de xullo un concerto de The Rapants a Soutomaior e outro de Boyanka Kostova e máis de Quinkillada a Vilaboa, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial co que a institución colabora coa programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e, co que está a difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación de The Rapants terán lugar no Peirao de Arcade ás 22:00 horas e a de Boyanka Kostova e Quinkillada na explanada da Casa da Cultura de Riomaior ás 23:00 horas.
The Rapants é o grupo pop-garaxe do momento, con mais de 40 datas por xira en festivais e salas de Galicia desde que se fundou fai 4 anos. En Soutomaior interpretarán os seus temas en galego e algún en castelán, todos eles de autoría propia e con influencias indie-rock e sons electrónicos. Pola súa banda, Boyanka Kostova levará a Vilaboa a súa proposta musical baseada no rap, trap, electrónica e hip hop. Despois de cinco discos e máis de cen concertos por toda España, son considerados os pioneiros do trap galego. No caso de Quinkillada, grupo que mestura ritmos latinos con rumba, cumbia e sons modernos, levará a Vilaboa os seus temas maioritariamente en galego e con gran diversidade nas letras.
O concerto de The Rapants, Boyanka Kostova e Quinkillada son tres das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.