Música Miúda actuará nos Xardíns da Casa de Escudeiro do Mosteiro de Meis ás 20:30 horas, mentres que Dakidarría o fará na Praza do Regueiro da Illa de Arousa ás 22.30 horas
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 12 de xullo un concerto de Música Miúda a Meis e outro de Dakidarría á Illa de Arousa, enmarcados na nova edición de +Música, o programa co que a institución provincial colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia na súa programación cultural e difunde e fomenta a lingua e a cultura galegas. A actuación de Música Miúda terá lugar ás 20:30 horas nos Xardíns da Casa de Escudeiro de Meis e a de Dakidarría ás 22:30 horas na Praza do Regueiro da Illa de Arousa.
Música Miúda é un grupo de música infantil, que combina contos e cancións de creación propia, con especial fincapé na diversidade, na inclusión, na perspectiva de xénero e na promoción da lingua galega. Pola súa banda, Dakidarría é un dos grupos referentes nos festivais musicais galegos, con vinte anos de traxectoria, que presentará na Illa de Arousa un show musical no que fusiona diversos estilos musicais coma o rock, reggae ou hip-hop.
O concerto de Música Miúda e Dakidarría son dúas das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.