Luis López detallou que as obras serán financiadas integramente con fondos provinciais e executaranse nun tramo de algo máis de dous quilómetros da estrada provincial
“Queremos mellorar a seguridade viaria na totalidade da rede de estradas provinciais e, nese camiño, seguimos e avanzamos con actuacións como esta que ser porá en marcha proximamente en Marín”
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación do contrato para a posta en marcha das obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro, en Marín, cun investimento de 540.000 euros. Trátase, tal e como detallou o presidente provincial Luis López, dunha actuación que será financiada integramente con fondos provinciais e que se executará nun tramo de algo máis de dous quilómetros da estrada provincial.
“Temos un firme compromiso coas nosas estradas provinciais, imprescindibles para a vertebración do noso territorio”, asegurou o presidente da Deputación. Neste eido, López engadiu que “queremos mellorar a seguridade viaria na totalidade das nosas vías e, nese camiño, seguimos e avanzamos con actuacións como esta que se porá en marcha proximamente en Marín”.
Os traballos na estrada provincial EP-1202 Seixo-San Tomé de Piñeiro consisten na mellora da capa de rodadura para garantir a seguridade e a comodidade na circulación, así como a reposición do firme nun treito de algo máis de dous quilómetros de lonxitude. Tamén se rozarán as cunetas por ambas marxes e mellorarase a drenaxe. Ademais, durante as obras aproveitarase para realizar unha actuación de limpeza integral da estrada e reporase tanto a sinalización horizontal como a vertical.