Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000 euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”
Con estes recursos levaranse a cabo proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, plans municipais de igualdade, iniciativas para mellorar a inserción laboral das mulleres, campañas de difusión ou, entre outras, actuacións de fomento da corresponsabilidade
A Deputación de Pontevedra destina preto de 60.000 euros aos concellos de Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas e Vilaboa para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Trátanse, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, de recursos da liña de subvencións dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia que ascende a 260.000 euros e da que este ano se benefician 48 concellos, “todos os que solicitaron as axudas”.
“Somos –subliñou o presidente da Deputación de Pontevedra- un goberno comprometido coa igualdade e este ano, temos consignado 460.000 euros a dúas liñas de axudas nesta materia”. Ao respecto recordou que aos 260.000 euros aprobados na Xunta de Goberno desta semana hai que engadir outros 200.000 xa destinados a 40 entidades sociais da provincia para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. “Sumamos recursos e esforzos para que esta provincia sexa un lugar mellor, no que mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades”, remarcou Luis López.
Con estes recursos, Barro porá en marcha “Espazos de lecer concilia”; Caldas “+Igualdade-Violencia”; Campo Lameiro “Conciliación + 2025: Ludoventura”; Cerdedo-Cotobade o programa “Cerdedo-Cotobade a prol da igualdade”; Cuntis a avaliación do IV PIOM e a elaboración do V PIOM; A Lama o programa de actividades de fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia; Moraña un proxecto de prevención da violencia de xénero e das problemáticas asociadas; Poio “Mulleres que fan Poio 2025”; Ponte Caldelas o programa “Enredadas”; Portas a avaliación do II Plan de igualdade e a elaboración do terceiro; e Vilaboa a iniciativa “Vilaverán”, con contías que oscilan entre os preto de 4.200 e os 6.000 euros.
En liñas xerais cos recursos provinciais, tal e como explicou o presidente, dos 48 concellos beneficiarios das axudas provinciais 15 porán en marcha iniciativas de capacitación e formación en materia de igualdade e prevención da violencia machista, 13 proxectos de sensibilización e fomenta da igualdade, 11 programas de conciliación e educación en igualdade de nenas e nenos e nove traballarán na avaliación, redacción e mellora dos plans municipais de igualdade.