Concello de Mos continúa coa súa aposta pola conciliación da vida laboral e familiar a través do campamento matinal “Mañás de Verán”, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Educación que se desenvolve durante todo o verán no CEIP Mestre Martínez Alonso. Ata o momento, uns 120 menores e máis de 77 familias se teñen sumado a esta proposta educativa, lúdica e de lecer.
A alcaldesa Nidia Arévalo, acompañada pola concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitou o campamento, dirixido a nenas e nenos de 3 a 12 anos, e que ofrece actividades en inglés, obradoiros creativos, xogos deportivos, saídas ao aire libre (como ao Parque de A Pesqueira, o Paseo do Louro, a piscina municipal ou o Pazo de Mos), e conta cunha organización profesional que garante o benestar e a seguridade dos participantes.
Ademais, “Mañás de Verán” ofrece servizos adicionais como aula matinal e servizo de friameira, financiados polo Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, o que permite que as familias que acrediten necesidade de conciliación laboral non teñan que asumir ningún custo adicional por estes servizos. O programa tamén inclúe monitores de apoio especializado para menores con necesidades educativas especiais (NEE/NEAE), aliviando o esforzo económico que este tipo de recursos supón para as familias.
Na actualidade, están abertas as inscricións para as próximas quendas, podendo formalizarse ata cinco días antes do inicio de cada período. Para a segunda quenda de xullo (do 16 ao 31) hai xa 59 menores inscritos, 29 para a primeira de agosto (do 1 ao 16), 32 para a segunda de agosto (do 17 ao 31), e 22 para a semana de setembro (do 1 ao 5).
As persoas interesadas deberán cubrir unha solicitude de inscrición (ata cinco días antes da quenda solicitada), asinada polo pai/nai ou titor/a legal, e achegar a seguinte documentación: fotocopia da tarxeta sanitaria, autorización de recollida da cativada, certificado de escolarización en caso de non estar empadroado/a en Mos e o informe laboral dos proxenitores para xustificar o uso da aula matinal ou servizo de friameira (se procede).
A solicitude de inscrición estará dispoñible na Concellería de Educación (Edificio Multiusos) ou no Rexistro do Concello.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, salienta que “seguimos comprometidos coa conciliación das familias de Mos, cun campamento que non só permite atender ás necesidades dos fogares durante o verán, senón que tamén garante un ocio educativo de calidade e enriquecedor para os nosos nenos e nenas”.