HomePontevedraO BNG denuncia que o Goberno de Caballero segue tolerando a “piratería”...

O BNG denuncia que o Goberno de Caballero segue tolerando a “piratería” de Uber en Vigo 

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista pregunta cantos vehículos da empresa de VTC, que continúa operando na cidade, foron identificados e sancionados pasada unha semana da denegación dos permisos  

Xabier P. Igrexas: “Abonda de barra libre, hai que pasar das boas palabras aos feitos para cortarlle o paso á piratería de Uber”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno  municipal de Abel Caballero segue tolerando a “piratería” de Uber en Vigo. Pasada unha semana de que o Concello denegase os permisos, a empresa de servizos VTC segue a operar na cidade, polo que a fronte nacionalista pide coñecer cantos vehículos foron identificados e propostos para sanción por actuar de forma ilegal.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou que o Goberno local continúe “cruzado de brazos” ante estas prácticas de Uber, que segue a circular “sen ningún disimulo” en Vigo malia a falla de autorización. Defendeu nese sentido que o Concello ten a competencia e a obriga de facer cumprir a lei: “De nada serve denegar o permiso se se tolera que continúen a operar sen el”.

Igrexas trasladou a “enorme preocupación e frustración” do sector do taxi diante do que cualificou como “inacción cómplice” do Goberno municipal. Por este motivo, avanzou, dende o Bloque solicitan formalmente que o alcalde informe de forma detallada de cantas actuacións ten realizado o Concello para facer cumprir coa normativa.

“Tal e como se recoñece na propia resolución na que se denegaron os permisos solicitados, a Policía Local pode e debe identificar, sancionar e mesmo inmobilizar aqueles vehículos que están a traballar de maneira ilegal”, subliñou o portavoz municipal nacionalista, lembrando que o BNG leva urxindo unha actuación “firme e decidida” dende que a empresa VTC comezou a operar en Vigo hai 22 días.

Igrexas comparou esta situación con outras prácticas que, afirmou, non serían consentidas polo Goberno municipal. “Se unha empresa pirata de buses comezase a recoller pasaxeiros nas paradas de Vitrasa, ía ollar para outro lado? Se algún taxi se atrevese a operar sen taxímetro, ou con tarifas diferentes ás estabelecidas polo propio Concello, ía permitírselle?”, cuestionou.

Dende a fronte nacionalista reiteraron a necesidade de “pasar das boas palabras aos feitos para cortarlle o paso á piratería” de Uber na cidade. “Abonda xa de barra libre”, demandou o voceiro municipal do Bloque.

Publicacións Relacionadas