Carballo acolle esta fin de semana a terceira proba do Campionato de España de Autocross, que bate o récord de participación da temporada con 120 pilotos/as inscritos/as nas seis categorías en liza. Hoxe presentamos a competición nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, ademais de Luis Lamas, en representación do Concello de Carballo, titular do circuíto e entidade colaboradora coa organización. O Club Rally Coruña estivo representado por Ernesto Rumbo e Juan Fernández, e tamén asistiron o xefe do servizo provincial de deportes da Xunta, Roberto García, e o responsable de relacións institucionais da Federación Española de Automovilismo, Juan Esteve.
A proba de Carballo é unha das clásicas do Campionato de España, pois desde o ano 2009 só faltou á súa cita co calendario en 2020 debido ás restricións impostas pola COVID-19 e coa particularidade de superar sempre o cento de participantes nas seis últimas edicións.
No plano deportivo hai que destacar as oito vitorias de Gabriel Serrano, récord tamén absoluto nun trazado do CEAX Loterías cunha cifra á que ninguén puido chegar ata o momento e que podería seguir incrementándose esta fin de semana. O piloto galego é tamén o líder provisional de División 2. No resto de categorías, Roberto Martínez encabeza a División 1; Joan Enric de María, a División Buggy; David Masoliver, carcross; ‘Lolo’ Bermúdez, carcross júnior, e Diego García, carcross series. Ademais, a de Carballo será a terceira do novo campionato SuperXC, que lidera provisionalmente Marco Matador.
O venres 11 de xuño realizaranse as verificacións administrativas e técnicas, ademais dunha sesión de adestramentos libres. O sábado 12 disputaranse as mangas de cualificación e as primeiras e segundas mangas clasificatorias, e domingo 13 serán as terceiras clasificatorias, ás que seguirán as finais de todas as categorías, que se poderán ver en directo a través da canle de Youtube da Real Federación Española de Automobilismo.