O vindeiro sábado 9 de agosto de 2025, a praza de Maceira (Covelo) convértese no epicentro do sabor e do bo humor coa celebración da III Festa do Colesterol por un Día, unha festa gastronómica tan irreverente como deliciosa, organizada pola Comisión de Festas da Virxe da Guía de Maceira.
Nesta terceira edición rendemos homenaxe, sen complexos, a un dos praceres gastronómicos máis queridos por maiores e pequenos: ovos fritos, patacas fritas e chourizo á brasa, servidos ben quentiños e con pan e sobremesa incluída por tan só 8 € e menú infantil con chistorra a 4 €. Porque para un día que nos deixamos levar… que sexa á galega e con sabor auténtico!
E ademais da comida, non faltará a troula!
Haberá animación musical en directo con DJ Pitty e Cynthia & Rose, inchable para nenos e nenas e ata un sorprendente sorteo de premios “saudables” que de seguro van sacar máis dun sorriso.
A cita será a partir das 14:00 h na praza de Maceira, onde vos agardamos con mesas, ambiente, boa comida e mellor compañía. E para rematar o día como merece, podes achegarte á praia fluvial de Maceira e darte un bo chapuzón!
Desde a comisión animamos a toda a veciñanza e visitantes de todos os recunchos a que se acheguen a compartir esta festa gastronómica tan nosa. Porque aquí… o colesterol só dura un día, pero a lembranza dura todo o ano!