Estes recursos enmárcanse na liña de axudas para as oficinas de información turística da rede provincial Info Rías Baixas, que este ano ascenden a preto de 260.000 euros, 30.000 euros máis que no 2024, e benefician a un total de 29 oficinas, tres máis que o pasado ano
“O turismo é un sector económico fundamental para a provincia e estamos traballando, con liñas de axudas como esta, para impulsar a súa profesionalización e para que os visitantes vivan unha experiencia única e non dubiden cando lles preguntemos Cando volves?”, asegurou o presidente da Deputación
A Deputación de Pontevedra destina este ano 28.000 euros ás oficinas de información turística da rede Info Rías Baixas situadas en Bueu, Cangas e Moaña. Estes recursos enmárcanse na liña de axudas para as oficinas de información turística da rede provincial Info Rías Baixas, que acaban de ser aprobadas, este ano ascenden a preto de 260.000 euros -30.000 euros máis que no 2024- e benefician a un total de 29 oficinas, tres más que o pasado ano.
As oficinas do Morrazo que se benefician desta liña de axudas trátanse da oficina de turismo de Bueu, do punto de información turística do Peirao de Cangas do Morrazo e o punto de información turística de Moaña, con recursos que oscilan entre os 7.000 e os 14.000 euros. “O turismo –asegurou o presidente da Deputación- é un sector económico fundamental para a provincia e estamos traballando, con liñas de axudas como esta, para impulsar a súa profesionalización e para que os visitantes vivan unha experiencia única e non dubiden cando lles preguntemos Cando volves?” Neste eido, López recordou que estas achegas van dirixidas a financiar o servizo de información e atención ás persoas que visitan a provincia de Pontevedra nas oficinas da rede Info Rías Baixas.
Ademais destas oficinas do Morrazo, neste 2025 reciben axudas oficinas de turismo e puntos de información turística situados nos concellos de Baiona, Cambados, A Estrada, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Mondariz-Balneario, As Neves, Nigrán (oficina de turismo Dunas de Gaifar e punto de información turística Val Miñor – A Ramallosa), Oia, Poio, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa (oficina de turismo de Vilagarcía de Arousa e punto de información turística do Museo do Ferrocarril) e Vilanova de Arousa (oficina de turismo Mar de Santiago e punto de información turística Casa-Museo Valle-Inclán).