Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá nos xardíns do concello de Mondariz ás 20:30 horas e no torreiro das festas de Nespereira de Pazos de Borbén ás 19:00 horas
“Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas” percorrerá 35 concellos da provincia ata finais de xullo
A Deputación de Pontevedra leva este domingo, 13 de xullo, ata Mondariz e Pazos de Borbén a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’ organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. A actividade terá lugar ás 20:30 horas nos xardíns do concello de Mondariz e ás 19:00 horas na área recreativa do torreiro das festas de Nespereira de Pazos de Borbén e continuará este mes de xullo ata completar as 35 citas programadas nos concellos da provincia.
Con esta actividade, a Deputación ten por obxectivo divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Deste xeito, os obradoiros percorren a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Durante a actividade tamén se interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e concluirá cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.
Despois de visitar Mondariz e Pazos de Borbén, “Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas” chegará neste mes de xullo ata Cambados, Pontecesures, Meaño, Ribadumia, Vilaboa, Moraña, A Lama, Ponte Caldelas, Cangas, Soutomaior e Mondariz-Balneario, despois de percorrer xa O Rosal, Oia, Cuntis, O Grove, O Porriño, Gondomar, Vila de Cruces, Barro, Bueu, Vilanova de Arousa, Moaña, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Tomiño, Catoira, Poio, Redondela, Mos, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Portas e Vilagarcía de Arousa.