Estes recursos enmárcanse na liña de axudas para as oficinas de información turística da rede provincial Info Rías Baixas, que este ano ascenden a preto de 260.000 euros, 30.000 euros máis que no 2024, e benefician a un total de 29 oficinas, tres máis que o pasado ano
“O turismo é un sector económico fundamental para a provincia e estamos traballando, con liñas de axudas como esta, para impulsar a súa profesionalización e para que os visitantes vivan unha experiencia única e non dubiden cando lles preguntemos Cando volves?”, asegurou o presidente da Deputación
A Deputación de Pontevedra destina este ano 14.000 euros ás oficinas de información turística da rede Info Rías Baixas situadas en Marín e Poio. Estes recursos enmárcanse na liña de axudas para as oficinas de información turística da rede provincial Info Rías Baixas, que acaban de ser aprobadas, este ano ascenden a preto de 260.000 euros -30.000 euros máis que no 2024- e benefician a un total de 29 oficinas, tres más que o pasado ano.
As oficinas da contorna de Pontevedra que se benefician desta liña de axudas trátanse do punto de información turística de Marín e da oficina de turismo do Casal de Ferreirós, en Poio, con recursos que ascenden aos 7.000 euros para cada un dos concellos. “O turismo –asegurou o presidente da Deputación- é un sector económico fundamental para a provincia e estamos traballando, con liñas de axudas como esta, para impulsar a súa profesionalización e para que os visitantes vivan unha experiencia única e non dubiden cando lles preguntemos Cando volves?” Neste eido, López recordou que estas achegas van dirixidas a financiar o servizo de información e atención ás persoas que visitan a provincia de Pontevedra nas oficinas da rede Info Rías Baixas.
Ademais destas oficinas da contorna de Pontevedra, neste 2025 reciben axudas oficinas de turismo e puntos de información turística situados nos concellos de Baiona, Bueu, Cambados, Cangas do Morrazo, A Estrada, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Meaño, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, Nigrán (oficina de turismo Dunas de Gaifar e punto de información turística Val Miñor – A Ramallosa), Oia, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa (oficina de turismo de Vilagarcía de Arousa e punto de información turística do Museo do Ferrocarril) e Vilanova de Arousa (oficina de turismo Mar de Santiago e punto de información turística Casa-Museo Valle-Inclán).