HomeA CoruñaO concelleiro Ramón Varela, presidente da Asociación Alingua, participou no foro “Un...

O concelleiro Ramón Varela, presidente da Asociación Alingua, participou no foro “Un país coa súa lingua” do Consello da Cultura Galega

- Anuncio -spot_img

Desenvolver redes de galegofalantes, incrementar a participación e intensificar os contactos entre entidades foron algunhas das propostas dos participantes na sesión Sociedade, crenzas e participación comunitaria, a última do foro participativo Un país coa súa lingua, organizado polo Consello da Cultura Galega, que contou coa participación do concelleiro Ramón Varela, en calidade de presidente da Asociación Alingua, na que participan Concellos de toda Galicia.
Ramón Varela destacou o valor da participación e puxo como exemplo a súa propia entidade, como unha proposta de funcionamento participativo promovido desde as institucións. “O modelo de Alingua dálle estabilidade ás propostas, nas que prima o criterio técnico e non só as posicións políticas dos concellos que a integran. Imos todos a unha cos proxectos colaborativos”. Para Varela, a clave da política lingüística é a participación dos usuarios. “Non abonda con que as institucións produzan contido en galego, deben facer que a cidadanía participe”, explica. “Hai que crear redes de galegofalantes, e facer na medida posible que os participantes sexan tamén axentes normalizadores da lingua galega”.
Varela explicou o modelo dos proxectos da entidade, coma o programa Apego, para familias con nenos de ata seis anos, Youtubeiras, para creadores de contido e orientados á mocidade, o Club de Debate para institutos e o Enregueifate, que tamén vai para público xeral pero tamén cunha gran participación da mocidade. “A xente que participa ten que falar e comunicar en galego, e créanse redes de falantes porque moita desa xente segue en contacto despois e comunicase nesa lingua.
Varela tamén explicou a necesidade de que haxa produtos en lingua galega. “Temos que buscar o xeito de conectar esa demanda co tecido empresarial, e sabémolo porque nos insisten moito as familias que levan os seus nenos ao Apego”, dixo. Por último, o presidente de Alingua destacou os “acollementos lingüísticos para migrantes”, que teñen grandes resultados, porque “o galego funciona como lingua de acollida e a xente que vén de fóra non ten interiorizados os prexuízos que existen na sociedade galega”, e estender tamén este modelo a galegos non galegofalantes.
A xornada pode verse en YouTube.

Publicacións Relacionadas