Logo das oportunas deliberacións, na xuntanza celebrada este mediodía no Museo do Humor Xaquín Marín, o xurado do XXIX concurso de humor gráfico e caricatura Curuxa do Humor acordou outorgar a David Vela Cervera o 1º premio Curuxa e a Pablo Prado Fernández o 2º premio Curuxa; a Andrés Chinchilla Argibay o premio Curuxa Nova e a David García Vivancos o premio da categoría Caricatura. Ademais, recibiron mención de honra no certame Nuria Hernández Pintor (categoría Curuxa), Lucía Rodríguez Cid (categoría Curuxa Nova) e Iván Mata Tamayo e Asier Sanz (categoría Caricatura).
O xurado estivo integrado polo humorista gráfico David Pintor (Pinto&Chinto) e polos gañadores da Curuxa´24, Adrián Dopico, e da Curuxa Nova´24, Lucas Sixto Carballeira. E completouse coa alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e a responsable do museo fenés, Almudena Marcos (que actuou en calidade de secretaria do concurso).
O gañador do 1º Premio Curuxa 2025, David Vela Cervera presentou ao certame un debuxo titulado Perplejidad. O xurado valorou desta obra “o dominio que ten da disciplina do humor gráfico máis difícil que é a de facer humor sen palabras”. Tamén salientou o “dominio da técnica e que ten un estilo moi definido e moi profesional”. O premio está dotado con 2.000 € e diploma.
Nesta edición, o 2º Premio Curuxa, dotado con 1000 € e diploma, foi para Pablo Prado Fernández pola obra titulada Homo In-móbilis da que salientou o xurado “a narrativa humorística muda, o estilo fresco e moderno e o emprego do claroescuro”. Tamén valorou “a crítica social e a resolución da historia coa morte do móbil”.
Asemade, o xurado acordou outorgar mención de honra na categoría Curuxa, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentado por Nuria Hernández Pintor, co título Conciliación.
O 1º Premio Curuxa Nova -dotado con 500 € e diploma- foi nesta edición para Andrés Chinchilla Argibay polo debuxo titulado Pombas. Na súa análise, o xurado valorou “o estilo moi característico da obra que rima coa toxicidade que pretende transmitir a través da crítica e da denuncia social” Tamén salientou “o estilo, moi maduro, e o emprego da cor. E que trata un tema atemporal”
Tamén se outorgou unha mención de honra na categoría CURUXA NOVA, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentado por Lucía Rodríguez Cid, co título Máster en independencia.
Por último, recibe o Premio na categoría Caricatura -dotado con 1.500 euros e diploma- o traballo presentado co título Cañita Brava, de David García Vivancos. O xurado valorou “que está feito por unha persoa que ten visión de caricaturista”. Tamén salientou “o estudo da personaxe e que conseguiu reflexar perfectamente a expresión do caricaturizado a través dunha simplificación que fai que a caricatura teña moito valor”
Asemade, o xurado acordou outorgar mencións de honra na categoría CARICATURA, con diploma pero sen dotación económica, aos traballos presentados por Iván Mata Tamayo, co título Amy, e por Asier Sanz Nieto, co título David Broncano.
Organizados pola Concellería de Cultura de Fene, os Premios Curuxa do Museo do Humor Xaquín Marín buscan recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho do Estado), ademais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor Xaquín Marín, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
A alcaldesa e presidenta do xurado, Sandra Permuy, avanzou esta mañá que no último trimestre do ano o Museo do Humor Xaquín Marín acollerá unha exposición cunha selección dos traballos que concorreron á convocatoria (93 en total, dos cales 51 participaron na categoría Curuxa, 7 na categoría Curuxa Nova e os 35 restantes na categoría Caricatura). Ademais, na web do Museo (http://museodohumor.fene.gal) habilitarase nesas datas unha galería virtual con todas as obras presentadas ao concurso nesta edición.