Reices lamentou a “política de brazos cruzados do PP coa Torre de Guimarei, que parece que tamén asume o novo alcalde”.
O BNG da Estrada trasladou ao Palamento Galego, a través da deputada da comarca, Ariadna Fernández, a situación da Torre de Guimarei. A pesar de contar cun conselleiro que foi alcalde da Estrada, “a recepción da iniciativa non puido ser máis fría e, por outra parte, previsíbel”, como indicou o concelleiro do BNG, Xoán Reices.
Tal e como explicou o portavoz municipal nacionalista “a iniciativa debatida o pasado venres na comisión de cultura do Parlamento Galego, instaba á Xunta de Galiza para que tomase as medidas oportunas para facilitar as visitas a este BIC, tal e como indica a lei, xa que a día de hoxe os atrancos son diversos, xa non só por estar no medio dunha plantación de millón, senón pola variada vexetación que dificulta a visita da Torre de Guimarei”. “Por outra parte”, engade Reices, “tamén instabamos á Xunta a marcar uns prazos para a adquisición deste BIC como a súa rehabilitación”.
“Como era previsíbel”, afirmou Reices, “a consellaría de cultura, dirixida polo anterior alcalde da Estrada, non vai facer nada pola Torre de Guimarei, e xa non digamos polo Pazo, porque din que é de propiedade privada, algo que é certo, mais tamén é certo que a a Lei 5/2016 no seu artigo 51 faculta á Xunta de Galiza á expropiar elementos patrimoniais catalogados como BIC, cando se pon de manifesto o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural, algo que a todas luces está máis que claro”.
Reices critica a pasividade do alcalde
O concelleiro do BNG, Xoán Reices, lamentou a “política de brazos cruzados do PP coa Torre de Guimarei, que parece que tamén asume o novo alcalde”. “Iso si”, afirma o concelleiro do BNG, “non dubidan en poñer que van recuperar a Torre de Guimarei no seu programa electoral, pero despois nunca fan nada por este BIC”.
“O PP goberna o concello, a deputación e a Xunta”, indica Reices, “teñen todo ao seu favor para facer da Torre de Guimarei un atractivo turístico de primeira orde do noso concello, ao tempo que manteñen vivo e en bo estado o noso patrimonio”. “Mágoa as oportunidades e o tempo perdido”, afirma Reices.