HomeTabeirósA EstradaReices reclama ao alcalde recoller os restos das rozaduras dos viais e...

Reices reclama ao alcalde recoller os restos das rozaduras dos viais e limpar as cunetas do rural

- Anuncio -spot_img

“Ano tras ano amoréanse nas cunetas os restos das rozaduras e iso implica que a drenaxe das augas pluviais atopan moitas dificultades para seguir o seu curso, o que implica que auga desborde as cunetas, estragando o asfalto dos viais”, afirma

Hai poucos días o alcalde da Estrada anunciaba a nova campaña de rozaduras de viais municipais, onde anunciaba os bos resultados da dobre volta de rozaduras dos máis de 2.000 quilómetros de estradas. Desde o BNG poñen en dúbida este éxito, xa que, como indicou o portavoz municipal Xoán Reices, “unha cousa é a propaganda que se fai desde a alcaldía e outra a realidade, e a realidade é que a maioría dos viais non recibiron máis que unha rozadura no último ano”. “Non sabemos se os viais da parroquia de Cereixo, na que vive o alcalde, ou nas que viven os concelleiros e concelleiras do PP tiveron máis sorte, mais no resto podemos confirmar que só pasaron unha vez”, engade Reices.

“Con todo concederemos por esta vez o beneficio da dúbida”, afirma, “agardando que o anuncio da dobre volta de rozaduras sexa unha realidade, non só propaganda”.

Sen embargo, desde o BNG poñen o acento noutra cuestión que preocupa á organización nacionalista. Segundo explicou o concelleiro do BNG, “ano tras ano amoréanse nas cunetas os restos das rozaduras e iso implica que a drenaxe das augas pluviais atopan moitas dificultades para seguir o seu curso, o que implica que auga desborde as cunetas, estragando o asfalto dos viais”. “Rozar as cunetas é moi importante, mais tamén o é que as cunetas estean limpas”, engade Reices.

Mellorar as rozaduras

Desde o BNG explican que “non se pode seguir ano tras ano amoreando os restos das rozaduras nas cunetas, isto ten que mudar, o lóxico é que ao tempo se fai a rozadura se recollan eses restos para que non se amoreen na cuneta, que causan os problemas que xa indiquei con anterioridade”. Xoán Reices insta ao goberno a investigar e a buscar unha solución “sabemos que non é doada, mais é un problema ao que hai que darlle solución, xa que as cunetas están nun estado lamentábel polo amoreamento continuo das rozaduras”.

A limpeza de cunetas

O concelleiro nacionalista apunta tamén á limpeza de cunetas, “moitas das cales hai décadas que non se limpan”. “Facelo, ademais de facilitar a drenaxe, resolvería temporalmente o problema dos restos da rozaduras”, engade Reices.

Publicacións Relacionadas