- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria desta orde para concellos e entidades sen ánimo de lucro, buscando mellorar a empregabilidade dos usuarios, atender as necesidades do tecido produtivo e dos colectivos prioritarios
- Así, dos preto de 10,3M€ de investimento, como novidade resérvanse 2M€ para plans enfocados en persoas desempregadas maiores de 52 anos, complementando a reserva xa existente doutros 2 millóns orientados a mulleres sen traballo
- A orde incorpora tamén criterios de valoración renovados que primarán, entre outras, propostas que integren tecnoloxías emerxentes e que estean aliñadas cos sectores industriais estratéxicos ou con elevadas taxas de colocación
- Cada programa integrado de emprego terá 100 participantes dos que un 35 %, como mínimo, deben ser inseridos no mercado durante a execución do proxecto, que inclúe asesoramento, formación, prospección de oportunidades ou prácticas reais
- Como exemplo, nunha comarca na que predomine o sector loxístico ou alimentario, un concello pode solicitar un PIE centrado na formación en operacións de almacén, carretilla ou atención en caixa en coordinación coas empresas da contorna
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria dos Programas Integrados de Emprego (PIE), impulsada pola Xunta cun investimento próximo aos 10,3M€. A iniciativa, dirixida a concellos e entidades sen ánimo de lucro, busca poñer en marcha 46 proxectos orientados a mellorar as oportunidades laborais duns 4.600 demandantes, cun enfoque asentado en tres eixos: fomentar a empregabilidade das persoas participantes, axustar os proxectos ás necesidades do tecido produtivo de cada contorna e priorizar aqueles colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado. De feito, como novidade, resérvanse por primeira vez 2M€ para plans enfocados en persoas maiores de 52 anos, que se suman á reserva xa existente doutros 2M€ orientados a mellorar as oportunidades de inserción das mulleres.
O orzamento —financiado con fondos finalistas do Servizo Público de Emprego Estatal— distribuirase entre 2025 e 2026, cunha previsión de 4M€ destinados a entidades locais e 6.268.000 euros a organizacións sen ánimo de lucro. No ámbito local, poderán optar aos apoios —cun máximo de 220.000 euros— concellos, mancomunidades, entidades públicas dependentes de administracións municipais ou agrupacións de municipios limítrofes ou da mesma comarca. Cada proxecto beneficiará a 100 persoas inscritas como demandantes no Servizo Público de Emprego de Galicia, coa finalidade de garantir que, como mínimo, o 35 % accedan a un emprego e mantendo o foco nos colectivos prioritarios, como persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, migrantes con autorización de residencia temporal por arraigo socioformativo, maiores de 52 anos, menores de 30, persoas afectadas por expedientes de regulación de emprego, mulleres sen traballo, desempregados de longa duración ou inmigrantes.
A convocatoria incorpora tamén criterios de valoración renovados que apostan, entre outras, por propostas que estean aliñadas cos sectores industriais estratéxicos —metalmecánico, automoción, naval, forestal-madeira, TIC, loxística, construción ou comercio— ou con altas taxas de colocación, entre elas, servizos socioculturais, sanidade, hostalaría ou medio ambiente. Por exemplo, nunha comarca na que se detecten demandas de persoal e perspectivas de crecemento no eido loxístico ou da cadea de alimentación, unha entidade local pode solicitar un PIE centrado na formación en operacións de almacén, carretilla, atención en caixa ou manipulación de alimentos en coordinación coas empresas da contorna.
O prazo de solicitudes permanecerá aberto desde maña e ata o 18 de agosto.
Como funcionan os PIE
Os programas integrados de emprego contemplan actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para preparación de entrevistas. Tamén se fomenta o contacto co tecido empresarial, a prospección de oportunidades e a posibilidade de prácticas profesionais non laborais. Cada proxecto contará cun equipo técnico especializado, cuxos custos salariais e de Seguridade Social serán subvencionados. Así mesmo, cubriranse os gastos derivados de desprazamentos, materiais, subcontratación de formación, así como bolsas de asistencia de 10 euros por día para cada participante e a amortización de equipamento formativo, todo conforme aos límites establecidos na convocatoria.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250717/AnuncioG0767-040725-0001_gl.html