• A escola da Portela é a actual sede no Baixo Miño desta asociación que loita pola saúde mental
O Concello da Guarda renovou a cesión do edificio da antigo Escola da Portela á Asociación Avelaíña por 30 anos máis. Esta decisión, reafirma o compromiso institucional co labor social e comunitario que desenvolve a entidade no ámbito da saúde mental.
A Escola de A Portela, ademais de ter a súa sede, a entidade realiza os seus servizos de rehabilitación psicosocial e conta cun piso protexido, ofrecendo apoio integral ás persoas con problemas de saúde mental e favorecendo a súa autonomía e integración na comunidade.
“Con esta cesión queremos apoiar o labor que fai Avelaíña na Guarda, proxectos que fomentan a cohesión social e o benestar da cidadanía, especialmente nun ámbito tan sensible como é a saúde mental”, explica o alcalde da Guarda, Roberto Carrero.
Dende a cesión do ano 2005, a Asociación Avelaíña vén realizando melloras no edificio grazas ás subvencións recibidas, o que permitiu adaptar o espazo ás necesidades dos servizos e garantir unhas condicións dignas e accesibles para as persoas usuarias.
Ademais da cesión gratuíta da Escola de A Portela, o Concello tamén lle cede á entidade unha parcela anexa, que permitirá ampliar e mellorar os espazos destinados ao desenvolvemento das actividades do Centro de Rehabilitación Psicosocial e do piso protexido, reforzando así a capacidade de atención e a calidade dos servizos prestados.
“Esta cesión é un recoñecemento ao traballo constante e comprometido que realizamos desde Avelaíña. Supón estabilidade e confianza para seguir medrando e ofrecendo servizos de calidade ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias”, sinalou Rafa Álvarez, Xerente da entidade.