- O director de Turismo de Galicia visitou esta mañá Infinita Viaxes, unha empresa turística que tras participar o pasado ano, tamén o fai este
- En total son xa case 200 os establecementos e empresas adheridas ao programa
- A Administración autonómica financiará máis de 16.000 bonos dos que achegará o 40% de cada uno
- A Xunta mobilizará con este programa 2,5M€ que irán ao sector durante o outono
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá a axencia Infinita Viaxes, en Santiago de Compostela, unha das empresas participantes nesta edición do bono turístico que hoxe mesmo abriu o prazo de descargas para o público xeral. Tras anunciar que este período comezou esta mesma mañá ás 9,00 horas, destacou que “o bono turístico avanza a bo ritmo tal e como reflicte o dato de que xa se descargaran máis dun terzo con case 7.000 bonos por parte de particulares”. A isto hai que engadir tamén os establecementos adheridos, que se achegan xa aos 200.
En total, “poranse en circulación máis de 16.000 bonos que se poderán gozar en distintos establecementos e servizos turísticos de Galicia desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano”, salientou Xosé Merelles ao tempo que animou a súa descarga e tamén ás empresas a continuar adheríndose ao programa. Toda a información sobre a iniciativa está dispoñible en www.bonoturismo.gal e o prazo de descarga dos bonos para o público xeral rematará o 19 de decembro deste ano. En total, a Xunta inviste este ano 1M€, a través dos que se espera mobilizar ata 2,5M€ no sector durante o outono.
Cada persoa poderá acceder a un máximo de dous bonos, que serán cada un dun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes. Estas últimas deberán, por tanto, abonar 90€ por cada bono, 180€ no caso de que accedan aos dous máximos, que lles facilitarán ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos participantes no programa.
No que se refire aos establecementos de aloxamento turísticos e as axencias de viaxes, o prazo para sumarse comezou o pasado martes, 15 de xullo, e remará o 1 de decembro deste ano. Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade. “Deberán estar tamén dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT)”, subliñou Xosé Merelles.
“Con este programa, a Xunta está a fomentar a desestacionalización e desconcentración do destino Galicia”, salientou, fomentando a visita en épocas fora da tempada alta. Así, Xosé Merelles salientou o bos resultados turísticos alcanzados o pasado ano no mes de novembro, en pleno desenvolvemento do bono, cun incremento de viaxeiros do 12,3%.
Ademais, fixo balance do programa desde que se implantou en 2020, e destacou que se puxeron en circulación máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5M€ no sector turístico galego. Deles, 2,5 M€ foron só en 2024 cando tamén participaron máis de 400 establecementos de toda Galicia.