HomePontevedraPoioO BNG lamenta que o Concello de Poio “aplique o rodete” e...

O BNG lamenta que o Concello de Poio “aplique o rodete” e aprobe as novas taxas da auga defendendo só os beneficios da empresa en lugar das necesidades e economías da veciñanza

- Anuncio -spot_img

A voceira Marga Caldas critica que o goberno de Moldes desestima as bonificacións e rebaixas reclamadas polo Bloque cos argumentos da concesionaria

A nacionalista reprocha que se acuse de malgastar auga ás persoas que teñen pozo

O BNG lamenta que o Concello de Poio “aplique o rodete” e vaia aprobar as novas taxas da auga defendendo só os beneficios da empresa en lugar das necesidades e economías da veciñanza. A voceira Marga Caldas critica que o goberno de Moldes vén de desestimar todas as bonificacións e rebaixas reclamadas polo Bloque nas súas alegacións á nova ordenanza do abastecemento utilizando basicamente os argumentos da concesionaria.

“Moldes fai seus os intereses da empresa e non mira pola xente de Poio. En lugar de buscar fórmulas para evitar un ‘taxazo’ que vai duplicar o recibo, prégase ante os intereses da nova concesionaria só falando da súa viabilidade e de evitar futuros desequilibrios económicos nas ganancias empresariais”, subliña a nacionalista.

Caldas explica que o Bloque vén de recibir o informe sobre as alegacións á ordenanza reguladora da prestación dos servizos de abastecemento de auga e da rede de sumidoiros sen admitir nin unha soa das peticións do grupo. As explicacións para rexeitar todas as propostas céntranse no informe emitido pola concesionaria, a empresa ‘PW Advisory& Capital Services SL’.

O rexeitamento da suba do recibo pola incorporación dunha cota variable, tal como reclamaba o BNG, foi tombado unicamente co argumento de que “sen as novas tarifas non sería posible acometer os 8 millóns de euros en investimentos nin garantir a viabilidade do futuro contrato da concesión”.  Advirte Caldas que o informe de Intervención e Tesourería limítase a esa explicación da empresa e non entra a valorar ningunha posible reorganización de fondos ou outras vías de financiamento para facer fronte ás obras de mellora, tal e como propón o BNG.

O Concello de Poio tamén descarta eliminar a cota variable pola prestación das redes de sumidoiro como pide o Bloque porque “permite paliar situacións de desequilibrio económico do futuro contrato”. “Novamente –sinala a voceira- o exposto pola empresa sirve para desestimar a nosa alegación sen ter en conta o impacto nas economías familiares, que deberían ser as que máis importen ao noso goberno. Pero unha vez máis o Partido Popular sitúase ao lado dos beneficios  do capital”.

En canto ás bonificación solicitadas de maneira xenérica polo BNG, ‘PW Advisory& Capital Services SL’ destaca que “aínda que se admite que é unha medida moi popular, neste caso, aprobado definitivamente o Estudo de Viabilidade, incorporar estas bonificacións ‘ex novo’ afectarían o estudo económico e á viabilidade do futuro contrato”.

Sinala Caldas que en lugar de intentar mellorar as condicións económicas para a veciñanza, o Concello evita de plano “e sen molestarse en mover un papel” calquera posible rebaixa para familias vulnerables polo seu nivel de renda e numerosas aproveitando a existencia dun baleiro legal. De feito, neste punto introdúcese a única matización formal propia da interventora e o tesoureiro do Concello nas alegacións, que sinalan que non existe unha norma “que habilite a aplicar as exencións”.

Malgastar auga

Finalmente, a voceira Marga Caldas reprocha ao Concello que acuse de malgastar auga ás persoas que teñen pozo propio particular para abastecerse. Apunta a nacionalista que o BNG solicitou que a cota fixa para o saneamento das persoas con pozo se rebaixase sensiblemente por considerala desproporcionada. O grupo municipal do Bloque argumentaba que a tarifa proposta é moi superior que a media de consumo variable calculada en base aos consumos das casas con contador.

A resposta a esa alegación por parte da empresa , asumida polo Concello, deixou atónita a Caldas: “Considerouse como prezo para aqueles abonados que non dispoñen de servizo de abastecemento o dobre da cota fixa dos abonados con abastecemento. Dado que se descoñece o seu consumo (posto que estes usuarios non teñen contador) non é sensato asumir que estes usuarios realizan un consumo similar aos abonados que se están conectados á rede de abastecemento, xa que ao cobrárselles a auga que consumen os usuarios tenden a adoptar políticas de uso eficiente da auga que naqueles usuarios que se abastecen de pozos propios non están constatadas, tendendo estes últimos para realizar consumos de auga lixeiramente superiores”.

A nacionalista considera que xeneralizar e acusar ás veciñas e veciños de Poio de facer un consumo de auga non axeitado e  irresponsable, só por ter pozo e non estar limitadas a contador, “é totalmente reprochable, fóra de lugar e incluso insensato”. Fronte a isto, destaca Caldas, o PP non só asume que a súa veciñanza con pozo é unha “malgastadora”, senón que lle aplica por iso unha tarifa penalizadora que supera con moito a media do resto das vivendas.

Publicacións Relacionadas