A XUNTA IMPULSA UN TOTAL DE 59 OBRAS POR CASE 50M€ EN CENTROS EDUCATIVOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA
— Avánzase na execución en distintas fases de 32 grandes intervencións, que inclúen ampliacións de colexios e institutos e rehabilitacións integrais
— Aprovéitanse as vacacións estivais para acometer 27 obras de menor tamaño “que tamén contribúen ao bo funcionamento dos centros“, salienta o conselleiro
A Xunta de Galicia está a desenvolver este ano un total de 59 intervencións en centros educativos da provincia de Pontevedra cun investimento global de case 50 millóns de euros, segundo avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, durante unha visita ao Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa.
O titular de Educación explicou que na provincia están en marcha 32 actuacións de gran envergadura, que inclúen ampliacións de colexios e institutos, así como rehabilitacións integrais. Ademais, como é habitual cada verán, estase a aproveitar o período non lectivo para acometer outras 27 melloras de menor entidade, centradas en reparacións puntuais.
No apartado das grandes obras, xa en marcha e que se prolongarán nos vindeiros meses, a Xunta impulsa 32 intervencións que suman un investimento de 48,5 millóns de euros. Entre elas destacan catro actuacións principais, que acaparan preto de 29,7 millóns de euros: a construción do novo Instituto de Navia, en Vigo (cun orzamento de 19M€ en licitación) a ampliación do Instituto Plurilingüe Aquis Celenis, en Caldas de Reis (5,4M€), ou a do IES Ramón María Aller, en Lalín (3,4M€), e a renovación da cuberta do Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, tamén en Vigo, cun custo de case 2M€.
En canto ás actuacións menores, pero que tamén son “importantes” para o normal funcionamento dos centros, tal e como indicou o conselleiro, ao longo do verán levaranse a cabo 27 obras do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2025) por un valor de 764.731 euros, repartidas en 17 concellos da provincia.
Neste apartado englóbanse actuacións como reparacións varias, traballos de pintura, pequenas reformas da instalación eléctrica, de fontanería, saneamento e baños ou calefacción. Tamén melloras en patios, cambios puntuais de fiestras, portas ou lucernarios, renovación de equipamento de cociña ou adaptación de espazos, entre outros.
Ampliación Centro Integrado de Formación Profesional
Durante a visita ao Centro Integrado de FP Fontecarmoa, o conselleiro de Educación supervisou a última fase das obras de ampliación, cuxo remate está previsto para finais de ano. O investimento total acada os 3,7M€ para unha actuación que Román Rodríguez cualificou de “transformación profunda” das instalacións deste centro que é o referente das ensinanzas de Formación Profesional para a comarca. Non en balde, a Consellería ofertou un total de 1.700 prazas de novo ingreso de FP no Salnés para o curso 2025-26, un 11% máis ca o pasado curso.
A obra, enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, suporá, por tanto, un novo impulso aos ciclos de FP neste centro, que este próximo curso incorporará como novidade os ciclos medio de Comercialización de produtos alimentarios e o superior de Márketing e publicidade na modalidade de FP Xeral; o ciclo medio de Mecanizado e o superior de Procesos e calidade na industria alimentaria na modalidade de FP Dual Intensiva, e a nova formación acelerada de grao básico de Actividades auxiliares de almacenaxe.
Así pois, a actuación permitirá dotar o centro dunha nova superficie de 2.210m² construídos, a maioría deles no edificio de talleres, mentres que o principal medrará en 335m². Como resultado, o centro contará con novos espazos para talleres, ao tempo que se solucionan problemas puntuais nos xa existentes.
Ao mesmo tempo créase un soto técnico no edificio de talleres onde se centralizarán as instalacións e colócase un novo sistema de xeración de calor mediante biomasa para todo o complexo educativo.
Ademais, reorganízanse os espazos do edificio principal, créase unha nova sala de reunións e un local para viveiro de empresas na planta baixa do edificio principal. De forma parella, aprovéitase para mellorar a accesibilidade no conxunto do centro, incorporando nos dous edificios ascensor e aseo adaptado.