HomePontevedraA LamaO concello da Lama pon en marcha unha nova edición do Verán...

O concello da Lama pon en marcha unha nova edición do Verán Cultural coa participación de Odaiko, un concerto homenaxe a Juan Pardo, teatro, festa infantil e un paseo en piragua polo río Verdugo

- Anuncio -spot_img

Atópanse xa á venda os tickets para poder asistir ao tradicional Xantar da 3ª Idade que terá lugar o luns 4 de agosto na Carballeira das Ermidas

O alcalde da Lama, David Carrera Cal, o responsable de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, e o concelleiro Andres Cal presentaron esta mañá a programación do Verán Cultural do Concello da Lama na que se recollen actuacións musicais en directo protagonizadas por Odaiko, unha homenaxe ao mítico cantante Juan Pardo, Festa da Mocidade, teatro, unha festa infantil e o tradicional paseo en piragua polo río Verdugo.

O rexidor recordou tamén que continúan á venda os tickets para poder asistir ao tradicional Xantar da 3ª Idade que terá lugar o luns 4 de agosto na Carballeira das Ermidas a un prezo para as persoas empadroadas e que cumpran os requisitos de 15 euros e os que non, a 35 euros.

Así, o sábado 26 de xullo no contesto das festas locais de Santa Ana e San Xoaquín actuará na Praza da Pedreira, ás 20 horas, a Banda de Música Artística de Bueu. O relevo darallo ao día seguinte no mesmo escenario e á mesma hora a Banda de Música Municipal da Lama.

O luns 28 terá lugar na Alameda da Lama a Festa da Mocidade, que dará comezo ás 23:59 horas e congregará aos xóvenes da contorna para bailar os ritmos propostos polos Djs Aitor Alfonsín e Dj Milucho.

O martes 29 de xullo a partir das 17 horas terá lugar o tradicional paseo en piragua polo río Verdugo, desde a praia fluvial. Aquelas persoas que queiran participar, a partir dos 3 anos de idade, deberán incribirse nas distintas quendas habilitadas. O prazo para apuntarse remata o luns 28 de xullo ás 14 horas na Biblioteca da Lama ou chamando ao teléfono 986 76 82 38-ext. 4. Esta actividade realízase en colaboración co Club de Piragüismo de Vilaboa.

O mércores 30 de xullo, tócalle o turno ao teatro e así o Centro Dramático Galego en colaboración co Concello da Lama traen ao Salón de Actos do Colexio da Lama a comedia “Punto en boca: Entre fíos anda o lío”. 

O xoves 31 de xullo terá lugar, a partir das 17 horas, a Festa Infantil e así os inchables e as piscinas móbiles tomarán a Alameda para celebrar a Festa Infantil na que non faltarán nin a música nin a escuma para mitigar os efectos da calor deste verán. A continuación actuará Pakola que ofrecerá o seu espectáculo musical “A Ramona pequena vai á Lúa”.

O venres 1 de agosto haberá unha actividade para público familiar cos “Experimentos de Frankie Stein” que transformará o Multiusos da Lama, a partir das 17 horas, nun laboratorio científico cheo de descubrimentos e bo humor.

O luns 4 de agosto celebrarase o tradicional Xantar da 3ª Idade que, como sempre, terá lugar na Carballeira das Ermidas, en Antas. Os interesados en participar que estean empadroados e cumpran os requisitos poderán facelo a un prezo subvencionado polo Concello de 15 euros mentras que os que non, deberán abonar íntegramente o prezo do prato que son 35 euros. Os tickets están xa á venda na Biblioteca da Lama e os interesados en participar deberán retirar previamente o boleto para poder asistir a este xantar. 

O martes 5 de agosto, a partir das 22 horas, terá lugar na Carballeira das Ermidas un concerto de homenaxe ao mítico Juan Pardo “Xuntos pola música”, no que participarán Antonio Barros, Lys Pardo, iAlma e Fernando Calderón.

O mércores 6 de agosto, ás 20:30 horas, unha vez rematada a misa na honra de San Salvador, patrón da Lama, terá lugar na Praza da Pedreira unha actuación de Acorde Son do Verdugo que animarán con cancións de sempre a tarde lamense.

Finalmente, o mércores 13 de agosto, na Alameda da Lama pecharase o programa festivo do Verán Cultural da Lama cun concerto, a partir das 22:30 horas, a cargo do grupo de música folc galego Odaiko que achegará ao público lamense as súas últimas creacións musicais cheas de ritmo e boa música.

Publicacións Relacionadas