- O acto, no que se entregaron 20 tarxetas regalo de 50 euros para canxear nos establecementos adheridos, enmárcase na acción conxunta da Xunta e a Federación Galega de Comercio que se está a desenvolver nas catro provincias ata o 31 de outubro
- González destacou as novidades da presente edición, que busca reforzar o asociacionismo e a dinamización en barrios e concellos pequenos, chegando a negocios e veciños de ata 80 municipios e con entregas de premios en 40 localidades
- En total, distribuiranse 40.000 euros en premios en toda Galicia, 10.000 euros por provincia, co obxectivo de apoiar e revitalizar o comercio de proximidade
- Na provincia de Ourense, a campaña está actualmente activa en concellos como A Gudiña, A Veiga, O Bolo, O Bolo, Viana do Bolo ou Vilariño
- A actuación insírese no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con 320 millóns de euros e que contempla 74 accións dirixidas a mellorar a competitividade, fomentar a dinamización e reforzar a gobernanza do sector
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde no acto de entrega de premios da campaña Merca no teu comercio, correspondente ao barrio da Ponte, en Ourense. Nesta ocasión, repartíronse 20 tarxetas regalo de 50 euros cada unha para canxear nos establecementos adheridos á iniciativa.
O evento forma parte dunha acción conxunta impulsada pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio, que se está a desenvolver nas catro provincias galegas e que se prolongará ata finais de outubro. O obxectivo principal é incentivar o consumo local e reforzar o valor do comercio de proximidade, con especial atención aos municipios do rural e aos barrios que carecen dunha asociación comercial estruturada. No acto tamén estivo presente a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.
Durante a súa intervención, o conselleiro felicitou ás persoas premiadas e agradeceu a súa aposta polo pequeno comercio, do que salientou que é fonte de vida para os barrios e vilas, xera emprego e fortalece os lazos da comunidade. Tamén puxo en valor as novidades desta edición, marcada pola súa expansión máis aló das grandes cidades, estendéndose a novas zonas e alcanzando un maior número de negocios e consumidores. En concreto, está previsto que se celebren actos de entrega de premios en 40 localidades distintas, beneficiando a veciñanza e establecementos de ata 80 municipios, coa participación de máis de 60 asociacións de comerciantes.
González destacou, ademais, que Merca no teu comercio se integra no convenio anual asinado coa Federación Galega de Comercio, no marco do cal se promoven actuacións orientadas á mellora do sector. Neste sentido, recoñeceu o compromiso da entidade, así como o seu labor organizativo e o seu papel clave para que estas campañas se materialicen en resultados con impacto no territorio.
Dinamización nas catro provincias
A campaña desenvolvese nas catro provincias galegas mediante accións quincenais que se estenderán ata o 31 de outubro. As persoas consumidoras poden rexistrar as súas compras a través da páxina web www.mercanoteucomercio.com, ou tamén poden facelo os propios comerciantes. En total, distribuiranse 40.000 euros en tarxetas en toda Galicia —10.000 euros por provincia— co propósito de apoiar e revitalizar o tecido comercial local.
Estas poden empregarse nos comercios locais das respectivas localidades ata o 31 de decembro, contribuíndo así a un retorno directo na economía dos establecementos de proximidade. Na provincia de Ourense, a campaña está actualmente activa en concellos como A Gudiña, A Veiga, O Bolo, O Bolo, Viana do Bolo ou Vilariño. Toda a información pode consultarse na web da iniciativa.
Plan estratéxico de comercio
O titular de Emprego, Comercio e Emigración enmarcou esta actuación no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con 320 millóns de euros e que contempla 74 accións dirixidas a mellorar a competitividade, fomentar a dinamización e reforzar a gobernanza do sector.
O plan, dirixido a comerciantes, asociacións, federacións, centros comerciais abertos, prazas de abastos, tecido artesán e administracións, inclúe medidas pioneiras como o programa de comercio de atracción Vilas Vivas, cuxo proxecto piloto se desenvolverá en Ribadavia, así como o impulso de iniciativas consolidadas como os bonos Activa Comercio. Tamén presta especial atención á remuda xeracional e ao apoio ao emprendemento.