Celebrarase no contexto do Festival Laeros que contará, ademais de con eventos gastronómicos, actividades lúdicas, música, obradoiros e recreacións teatralizadas xunto a petróglifos da contorna.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, anunciou que a organización da cuarta edición de “Laeros” ten aberto xa o prazo de reserva de lotes para participar no Xantar Rupestre que terá lugar no Parque Arqueolóxico o domingo 24 de agosto.
Aquelas persoas que queiran asistir ao Xantar Rupestre poderán reservar un lote para 20 persoas por importe de 450 euros que darán dereito a dispoñer dun asado costillar, 12 racións de polbo á feira servidas por A Fuchela, 2 bolas de pan, 12 botellas de viño e 8 botellas de auga. No caso de medio lote, para 10 persoas, as viandas serán ½ costillar, 6 racións de polbo á feira, 1 bola de pan, 6 botellas de viño e 4 de auga a un prezo global de 225 euros.
Para reservar estes lotes e medios lotes deberán dirixirse ao teléfono 886 151 195 pertencente ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) ou a través do correo electrónico: reservas@paar.es. As reservas colleranse de martes a domingo en horario de apertura do centro de interpretación da arte rupestre.
O Xantar Rupestre estará preparado pola Asociación Costillar A Estaca de San Clemente e poderá ser degustado nas mesas ubicadas no entorno do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR).
“Laeros”, definido como un festival da arte rupestre, está organizado polo Concello de Campo Lameiro e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) que terá un papel fundamental nesta xornada de exaltación de Campo Lameiro como destino turístico e arqueolóxico de vital importancia para Galicia e que ten o recoñecemento a nivel nacional tras ser elixido como Capital do Turismo Rural de España 2023.