Entre o 14 e o 17 de xullo realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de asuntos como o copywriting (escritura persuasiva), identidade de marca, aproveitamento da xeolocalización ou rendabilidade
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático e presencial (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 14 e o xoves 17 de xullo e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como o copywriting (escritura persuasiva), a identidade de marca, o aproveitamento das ferramentas de xeolocalización ou o cálculo da rendabilidade de aloxamentos turísticos.
O luns 14 celebrarase o obradoiro telemático “Copywriting para web e redes sociais”, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Vigo. Os asistentes aprenderán as claves sobre copywriting para crear mensaxes estratéxicas que capturen a atención da audiencia nestes medios dixitais, a través da exploración de técnicas de redacción que axudarán a comunicar o valor de marca. Será impartido da man de María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas con especialización en márketing dixital, e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
O martes 15, ás 10:00 horas na oficina de Ponteareas, terá lugar o obradoiro presencial “Canva dende cero para impulsar o teu negocio”. Neste obradoiro práctico explorarase como utilizar esta aplicación para construír e organizar a identidade visual dunha marca dun xeito profesional e accesible para poder utilizala no material visual dun negocio. Estará a cargo de Lara Taboada, licenciada en Estudos Artísticos de Deseño Gráfico e especializada en composición fotográfica creativa. As inscricións pódense realizar neste formulario.
O mércores 16 celebrarase o obradoiro telemático “Promociona o teu negocio co Perfil de empresa de Google”, a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Pontevedra. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer esta ferramenta enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade, que facilita o aproveitamento das posibilidades da xeolocalización e as procuras. Será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e cunha ampla traxectoria profesional asesorando a empresas no ámbito da comunicación e do márketing dixital, e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
Por último, o xoves 17 celebrarase o obradoiro presencial “Como calcular a rendabilidade do teu aloxamento” ás 10:00 horas na oficina de Cambados. Nel, analizaranse os custos fixos e variables que unha propiedade debe ter en conta para calcular o seu punto de equilibrio. Exploraranse fórmulas para calcular a rendibilidade utilizando cifras da base de datos, facturas e reservas. Será impartido por Patricia Cabaleiro, graduada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico, e as inscricións poden realizarse no seguinte formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.