HomePontevedraA conta xeral de Soutomaior reflicte cifras récord

A conta xeral de Soutomaior reflicte cifras récord

- Anuncio -spot_img

O pleno ordinario aprobou a conta xeral do 2024, unha conta que abala a boa xestión económica do concello de Soutomaior, un concello que cumpre os dous anos de mandato con 0 reparos e cunha execución do orzamento do 83%.

A conta xeral do 2024 foi hoxe ao pleno da corporación, e foi aprobada cos votos a favor do Goberno Local e a abstención do PP. Este documento técnico, obxectivo e contable abala a boa situación económica do concello de Soutomaior.

Tal e como nesta xornada expuxo o alcalde, Manu Lourenzo, o orzamento do 2024 de Soutomaior comezou en 6,7 millóns de euros e rematou con 8,2 millóns de euros, o mellor orzamento da historia de Soutomaior, cunha execución orzamentaria do 83% isto “é posible grazas a unha xestión económica, seria, rigorosa e onde se fiscaliza ata o último céntimo que entra no concello. Un concello onde neste 2025 remataremos o ano mellorando esa cifra e chegando a un orzamento total de case 9 millóns de euros”.

Unha conta xeral que deixa patente tamén que ademais de aumentar a súa cifra total e o gasto en investimentos, o concello de Soutomaior tamén aforra pasando dun remanente de 1,71 a 1,73 millóns de euros. Todo, engade Lourenzo, “sen subir ningún imposto, agás o taxazo de Sogama da Xunta de Galicia, algo que tivemos que levar a cabo por imperativo legal”.

Manu Lourenzo quixo nesta xornada “agradecer o traballo dos técnicos e técnicas do concello, grazas a estes resultados o actual Goberno de Soutomaior conta con 0 reparos nos dous anos de mandato fronte aos 40-50 reparos que tiña anualmente o anterior Goberno do Partido Popular”.

Publicacións Relacionadas