O presidente provincial, que garante o apoio a todos os proxectos beneficiosos para a cidade, cuestiona por que o rexedor non reclamou a actualización do convenio cando o BNG gobernaba o organismo provincial
Entre o 2015 e o 2023 a inflación aumentou nun 19,4%: ““Gobernaron esta casa 8 anos, por que non o actualizaron?”, pregúntase López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, descarta a suba do importe anual que o organismo provincial destina aos convenios co Concello de Pontevedra argumentando que a colaboración desta institución co goberno local “vai moi por diante” do reclamado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Luis López sae ao paso das acusacións de discriminación lanzadas polo rexedor pontevedrés argumentando que nestes dous primeiros anos de goberno, a Deputación investiu un total de 28M€ en distintos proxectos na cidade e que a achega do ente provincial incrementouse nos 61 concellos da provincia.
O mandatario provincial explica que nestes dous anos a Deputación investiu un total de 7 millóns de euros, máis do que marca a asignación económica anual dos convenios, en proxectos de colaboración directa co Concello, entre as que sobresaen o campo de fútbol de Salcedo (2,1M€), a iluminación pública do barrio de Lérez (1,4M€) o proxecto para o novo viario de Mollavao (1,2M€) ou o apoio aos mundiais de tríatlon (0,5M€) entre outras iniciativas como a colaboración para acoller a entrega dos Premios Feroz na cidade. Pero a cifra aumenta ata os 28M€ con proxectos estratéxicos para a cidade como a mellora da estrada provincial de Tomeza (1,7M€), a recuperación da Bienal de Arte (1,7M€) ou o aumento do investimento no Museo de Pontevedra e Santa Clara (16,4M€).
Neste sentido, o presidente Luis López cuestiona ao alcalde polas razóns polas que reclama agora este incremento, mentres que durante a época do goberno anterior, no que o concelleiro pontevedrés César Mosquera era vicepresidente provincial, non se produciron este tipo de esixencias. Así mesmo, fai referencia López ao argumentos esgrimido polo goberno local para sustentar esta petición está na actualización do IPC. “Gobernaron esta casa 8 anos, por que non o actualizaron? Non subiu o IPC desde o 2015 ao 2023?”, pregúntase o presidente, quen sinala que neses 8 anos a inflación foi do 19,4%, segundo datos do INE, polo que a contía dos convenios debeu subir ata os 2,98M€, algo que o alcalde nunca reclamou.
Luis López remarca que o municipalismo e a cooperación cos 61 concellos da provincia é un piar fundamental na acción de goberno da Deputación desde a súa toma de posesión. Un compromiso que se traduce nunha achega sen precedentes do organismo provincial ás arcas dos Concellos, que investiu nos dous primeiros anos de goberno un total de 235M€. Un volumen do que tamén de viu beneficiado o Concello de Pontevedra ao recibir de mans da Deputación 28M€
“A colaboración leal da Deputación co Concello de Pontevedra vai continuar nos vindeiros anos. Sempre que haxa un proxecto beneficioso para a cidade de Pontevedra, a Deputación vai estar”, rematou o presidente Luis López.



