O gaiteiro internacional tocará ambos días no solpor (20:00 horas), tendo as entradas esgotadas para o sábado e con posibilidade de mercar para o domingo en www.carlosnunezentradas.com
O Concello de Nigrán ofrece esta fin de semana unha dobre cita de Carlos Núñez no miradoiro de Monteferro con entradas esgotadas para o sábado e aínda dispoñibles para o domingo. Ambos eventos comezan ás 20:00 horas para que coincida co solpor e os tiquets poden adquirirse a través da web www.carlosnunezentradas.com (27,50 € gastos de xestión incluídos).
Como cada ano desde 2020 coa súa xira ‘Lugares Máxicos’, o obxectivo do mellor gaiteiro do mundo é enfeitizar aos asistentes grazas a especial sinerxia da súa música coa natureza e o crepúsculo no que se coñece popularmente como ‘o mellor escenario do mundo’.
Precisamente, Britanny Ferries estreará pronto o vídeo do seu último concerto en Monteferro, estas imaxes e a música de ‘Celtic Seas’ (o seu derradeiro disco, feito para conmemorar os 50 anos da compañía) deleitarán aos máis de 2 millóns de pasaxeiros que cada ano elixen este transporte marítimo para comunicarse con Inglaterra, Irlanda, Bretaña, Normandía ou o Norte de España.
“O escenario é inigualable, cara o Oceano Atlántico e as Illas Estelas, nun dos lugares máis fermosos de Galicia, e no momento máxico do solpor, polo que a música soará na súa máxima expresión, en absoluta comunión co escenario”, valora Carlos Núñez.
“Estamos moi orgullosos de contar cada ano co mellor gaiteiro do mundo no mellor escenario do mundo; cada concerto aquí é único e diferente”, incide o alcalde, Juan González.
Como sempre, co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo sen impacto algún, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa propia natureza.