HomeO SalnésCambadosDa prisión ao Refuxio de Animais de Cambados: chaveiros solidarios deseñados por...

Da prisión ao Refuxio de Animais de Cambados: chaveiros solidarios deseñados por persoas privadas de liberdade

- Anuncio -spot_img

Persoas internas no centro penal de Teixeiro e o CIS de Vigo colaboran coa protectora de Cambados a través da creación de chaveiros que se poderán adquirir durante a Festa do Albariño

Esta mañá, a Fundación Érguete-Integración facía entrega ao Refuxio de Animais de Cambados dun lote de chaveiros deseñados e producidos por persoas privadas de liberdade, co obxectivo de recadar fondos para gastos de coidado, veterinarios ou de alimentación dos animais que acollen nas súas instalacións. A iniciativa ven a reafirmar o compromiso da entidade coa construción de pontes entre diferentes realidades sociais mediante proxectos de servizo á comunidade.

Os chaveiros, que poderán adquirirse durante a Festa do Albariño (dende hoxe, 30 de xullo ao domingo 3 de agosto) no posto da protectora, foron elaborados en dúas fases complementarias. Nun primeiro momento, un grupo de dez persoas privadas de liberdade no Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño, en Vigo, traballou no deseño das pezas. Das súas propostas, unha foi seleccionada para a produción final. A continuación, internos e internas do Centro Penal de Teixeiro, que previamente participaran nun taller de impresión 3D organizado por Érguete-Integración, encargáronse de materializar o deseño, aplicando os coñecementos técnicos adquiridos.

Un proceso con valor educativo e integrador

A proposta combinou elementos formativos —deseño, aprendizaxe tecnolóxica, traballo en equipo…— cun forte compoñente social e emocional, ofrecendo ás persoas participantes unha oportunidade para sentirse útiles, recoñecidas e conectadas cunha causa próxima . Ademais, permitiu reforzar competencias como a iniciativa, a responsabilidade ou a capacidade de cooperación, ao tempo que puxo de relevo o potencial da participación comunitaria na reinserción das persoas privadas de liberdade.

Dende a Fundación Érguete-Integración destacan o valor deste tipo de proxectos, que permiten tender pontes entre os centros penitenciarios e o tecido social do territorio, favorecendo dinámicas máis abertas, participativas e inclusivas. Por último, animan a achegarse ao stand do Refuxio de animais de Cambados durante a Festa do Albariño para colaborar cos gastos da protectora adquirindo un destes chaveiros realizados con tanto agarimo.

Publicacións Relacionadas