Milladoiro actuará ás 22:30 horas na Praza do Concello de Baiona, Susana Seivane farao ás 22:30 horas na Praza Maior das Neves, Óscar Ibañez subirase ao escenario ás 17:30 na Carballeira do Campo da Feira de Covelo e The Rapants fará vibrar ás 22:00 horas a Praza do Calvario do Rosal
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este venres 25 de xullo, Día de Galicia, un concerto de Milladoiro a Baiona, de Susana Seivane ás Neves, de Óscar Ibañez a Covelo e de The Rapants ao Rosal, no marco na nova edición de +Música, o programa provincial para colaborar na programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar ás 22:30 horas na Praza do Concello de Baiona, ás 22:30 horas na Praza Maior das Neves, ás 17:30 na Carballeira do Campo da Feira de Covelo e ás 22:00 horas a Praza do Calvario do Rosal.
Milladoiro leva máis de 25 anos percorrendo espazos e xeografías intentando atopar a beleza detrás de cada pentagrama. Pola súa banda, Susana Seivane é unha das embaixadoras máis representativas da gaita galega, que sen descoidar a súa produción no eido tradicional, supón unha auténtica revolución no tratamento do instrumento. Por outro lado, Óscar Ibañez é un dos gaiteiros máis destacados de Galicia e na súa nova proposta acompáñase de importantes músicos de longa e recoñecida traxectoria na música folk. Por último, The Rapants é o grupo pop-garaxe do momento con temas en galego e algún en castelán, todos eles de autoría propia e con influencias indie-rock e sons electrónicos.
Os concertos de Milladoiro, Susana Seivane, Óscar Ibañez e The Rapants son catro das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.