– A Xunta estima que o importe da reforma será de 1.594.713 euros. A consellería de Infraestruturas colaborará cun máximo de 1,1 millóns. O resto do importe, 433.269 euros, serán financiados polo Concello. O convenio asinado entre Xunta e Concello obriga tamén a Redondela a asumir “todos os gastos que excedan o importe estimado”.
– O acordo obriga ao Concello a redactar o proxecto, licitar e executar as obras. A Xunta de Galicia, actual responsable da avenida Mendiño, traspasará a titularidade da estrada ao Concello de Redondela antes de que se adxudiquen as obras.
– Rivas lembra que o convenio “incumpre o compromiso da propia Xunta, que anunciou en Redondela en 2019 que financiaría con 1,6 millóns a totalidade da humanización da avenida Mendiño. A alcaldesa afirma que asina o convenio “por responsabilidade coa veciñanza, que necesita de maneira urxente o arranxo desta estrada”.
A alcaldesa do Concello de Redondela, Digna Rivas, e a conselleira de Infraestruturas, María Martínez, asinaron en Santiago o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello para a mellora da avenida Mendiño. A Xunta estima que o importe das obras será de 1.594.713 euros. Segundo o acordo o Concello asumirá o 30% do custo na reforma, un mínimo de 433.269 euros. O acordo obriga tamén ao Concello a redactar o proxecto, licitar e executar as obras. A Xunta de Galicia asumirá o 70% restante do importe, cun máximo de 1.161.444 euros, e traspasará ao Concello a titularidade da avenida Mendiño antes de que se adxudiquen as obras. Do mesmo xeito, o Concello terá que asumir “todos os gastos das obras que excedan a cantidade estimada”. A alcaldesa, Digna Rivas, afirma que o Concello acabará asumindo un custo “moi superior” polos traballos, xa que segundo avanzan os técnicos municipais “o orzamento das obras superará amplamente os 1,6 millóns”.
Rivas, recoñece que “non é o acordo que nos gustaría para Redondela pero asinámolo por responsabilidade, xa que a veciñanza precisa de maneira urxente que esta estrada se arranxe, e tanto coches como peóns poidan circular con seguridade”. Lamenta que as condicións impostas pola Xunta “son menos vantaxosas que as que ofrece a outros municipios onde financian o 100% dos traballos”. Rivas denuncia que este convenio “nin sequera respecta o compromiso feito pola propia Xunta en febreiro de 2019”. A que era conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou en Redondela xunto ao ex alcalde Javier Bas “o investimento de 1,6 millóns de euros para a reforma da avda. Mendiño”. Vázquez asegurou que as obras licitaríanse ese verán.
O Concello de Redondela leva desde entón máis de 6 anos esixindo á Xunta o cumprimento dese compromiso “porque a estrada precisa unha humanización urxente”.
A avenida Mendiño, de competencia autonómica, presenta un grave deterioro tanto no firme para o tráfico rodado como nas beirarrúas. Esta rúa, cunha lonxitude de 1,09 km, ten unha elevada afluencia de tráfico e peóns, xa que alberga servizos como o Centro de Saúde, colexios, institutos e instalacións deportivas. O mal estado das beirarrúas obrigou ao Concello a renovar no último ano máis de 500 lousas do pavimento que estaban rotas “polo perigo que supón para os peóns, malia non ser competencia municipal”. As queixas da veciñanza polas deficiencias desta estrada son constantes.