HomeXunta de GaliciaA Xustiza Europea dálle a razón á Xunta e avala a tramitación...

A Xustiza Europea dálle a razón á Xunta e avala a tramitación ambiental dos proxectos eólicos realizada en Galicia nos últimos anos

- Anuncio -spot_img
  • Carmen Bouso celebra a decisión do Alto Tribunal da UE xa que garante a seguridade xurídica que exixen o Goberno galego e o sector para poder desbloquear a parálise eólica sen precedentes que sofre a Comunidade e avanzar no impulso das renovables
  • Incide en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non ten agora ningún “obstáculo” para retomar todos os preitos paralizados e lembra que o Supremo xa ratificara antes con catro sentenzas que o procedemento aplicado se axustaba á lei
  • En Galicia hai un total de 92 parques eólicos afectados por recursos xudiciais dos cales 86 están actualmente suspendidos, o que impide a implantación de 2.497 MW no territorio cun investimento estimado nuns 3.000 millóns de euros
  • O desenvolvemento eólico é un aspecto clave na estratexia galega para avanzar nos obxectivos de descarbonización e poder acadar a neutralidade climática en 2040

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) deu a coñecer hoxe unha sentenza na que avala o procedemento de avaliación ambiental levado a cabo pola Xunta con relación a todos os proxectos eólicos, novos ou de parques xa existentes, que se tramitaron en Galicia nos últimos anos.

Tras asistir á lectura pública en Luxemburgo da resolución xudicial, a secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, amosou a súa satisfacción co contido da sentenza, xa que o Alto Tribunal comunitario “lle dá a razón” ao Goberno galego e despexa, deste xeito, calquera tipo de dúbida sobre as autorizacións eólicas que outorgou en base a ese procedemento.

Neste sentido, a responsable autonómica incidiu na importancia do pronunciamento do TXUE, que ratifica a tese da Xunta e confirma que tramitou de forma correcta as declaracións de impacto ambiental dos parques eólicos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desde o ano 2022 xa que aplicou a lei básica estatal (Lei 21/2013 de avaliación ambiental), que á súa vez cumpre e traspón a normativa comunitaria e se vén empregando da mesma forma desde 2013.

Ao respecto, explicou que a Xustiza europea fixa con claridade o seu criterio sobre a cuestión prexudicial que presentou o verán pasado o propio TSXG con relación á tramitación de proxectos eólicos na Comunidade.

Por iso, Carmen Bouso considerou que a sentenza dada a coñecer hoxe garante a seguridade xurídica que levan exixindo desde fai máis de tres anos tanto o Goberno galego como o propio sector para que se poida desbloquear a parálise eólica sen precedentes que sofre a Comunidade e impulsar así a implantación das enerxías renovables no territorio para avanzar cara á transición enerxética e a descarbonización.

A situación do sector eólico en Galicia é, de feito, única en todo o país. Tal e como recalcou, en ningunha outra comunidade existe un bloqueo xudicial sistemático a este tipo de proxectos, algo inédito tamén no resto de Europa onde, de feito, lembrou que a implantación das renovables está declarada de interese público superior.

Así, cómpre subliñar que nos máis de 11 anos de vixencia da Lei de avaliación ambiental estatal ningún tribunal español albergou dúbidas sobre se o procedemento fixado nesta norma se axustaba ao dereito comunitario.

Foi o TSXG o primeiro en cuestionalo a través de sucesivos pronunciamentos sobre as autorizacións eólicas outorgadas en Galicia nos últimos anos, facendo unha interpretación propia da Directiva de avaliación de impacto ambiental do Parlamento e do Consello Europeo que contravén o procedemento de información e consulta pública simultáneo que leva a cabo a Xunta en aplicación da referida norma estatal.

En base a esta interpretación, precisamente, e obviando por completo a opinión do Tribunal Supremo —que entre decembro de 2023 e marzo deste mesmo ano avalou a tese da Xunta con catro sentenzas relativas á repotenciación do parque eólico en Corme e ao parque de Campelo—, o Alto Tribunal galego decidiu presentar ante o TXUE unha cuestión prexudicial para que se pronunciara ao respecto.

Por iso e tras o fallo comunitario, Carmen Bouso salientou que o TSXG non ten agora ningún “obstáculo” para retomar todos os preitos que mantiña paralizados á espera de obter este pronunciamento sobre a tramitación realizada por parte da Xunta.

Situación actual

Actualmente, en Galicia hai 92 parques eólicos (PE) afectados por algún recurso xudicial en curso, dos cales 86 xa están actualmente suspendidos —70 deles paralizados pola prexudicialidade casacional e 16 por outras causas—.

Todos estes parques, cun investimento estimado en 3.000 M€, suman unha potencia de case 2.500 MW o que significa que se estas 92 instalacións eólicas proxectadas en Galicia estiveran xa en funcionamento, poderíase estar evitando a emisión á atmosfera de arredor de 2,5 millóns de toneladas de CO2 anuais, é dicir, unha contía equivalente ao impacto que producen 2 millóns de coches circulando durante todo un ano.

De feito, a instalación de toda a potencia eólica paralizada nestes momentos na Comunidade permitiría reducir nun 75% as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) respecto aos datos de 1990 (ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas) e suporía cumprir o obxectivo que a Xunta se marcou de cara a 2030 no II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC).

Estas cifras evidencian a importancia que ten o desenvolvemento eólico para a transición enerxética de Galicia xa que este tipo de proxectos, ao igual que o resto de enerxías renovables, resultan unha peza clave na estratexia da Xunta para avanzar nos obxectivos comunitarios de descarbonización e tamén para acadar a neutralidade climática —o equilibrio entre as emisións e as absorcións— no horizonte do ano 2040.

Publicacións Relacionadas