HomeA CoruñaFeminismo e antirracismo, eixos da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” no mes...

Feminismo e antirracismo, eixos da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” no mes de agosto

- Anuncio -spot_img

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” porá o foco neste mes de agosto no feminismo e no antirracismo, coa colaboración entre a libraría Lila de Lilith e a Casa Comunitaria Aluandé. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta das actividades “que atenden a causas que deberan estar no primeiro posto das nosas prioridades como sociedade”.

María Rozas presentou a colaboración do mes de agosto na campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Patricia Porto, da Libraría Lila de Lilith, e por Vicky Campoamor, da Casa Comunitaria Aluandé. A tenenta de alcaldesa sinalou que esta colaboración “é especialmente ilusionante e necesaria, en tempos nos que avanzan os discursos do odio e nos que mesmo hai retrocesos no que tén que ver coa consciencia feminista”.

A concelleira puxo en valor o traballo da Lila de Lilith, “que non é unha libraría máis, senón un espazo de cultura e reivindicación feminista, pero tamén un negocio que se enfronta a todas as dificultades do pequeño comercio e que é exemplo de que os establecementos de barrio son os que nos axudan a construir cidade”. En canto á Casa Comunitaria Aluandé, salientou que se trata “dun proxecto innovador e comunitario, co que tamén colaboramos desde a UAMI, que ten neste espazo un dos seus puntos de atención presencial do novo servizo de intermediación que temos posto en marcha recentemente”.

A importancia de tecer rede

Patricia Porto, da Libraría Lila de Lilith, loubou a campaña “12 Comercios.12 Sensibilidades”, “unha iniciativa que nace do propio comercio co apoio do Concello, e que é exemplo de que fronte ás ameazas que sofre o sector o mellor é tecer rede con outros establecementos, e tamén coas entidades sociais que traballan en causas xustas”. Pola súa banda, Vicky Campoamor tamén agradeceu a oportunidade de dar a coñecer o traballo da Casa Comunitaria Aluandé, “o único espazo destas características que existe en Galicia, que funciona de maneira autoxestionada organizando diferentes talleres e actividades e prestando tamén atención psicolóxica e apoio psicosocial e legal ás persoas migrantes e racializadas de Compostela”.

Ao longo de todo o mes de agosto, no marco da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” daráse a coñecer o labor da Casa Comunitaria Aluandé na propia libraría Libra de Lilith e tamén nas redes sociais. A libraría dedicará ademais o seu escaparate a dar a coñecer autoras negras e migrantes en distintos xéneros-

Campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”

“12 comercios, 12 sensibilidades” é unha campaña que naceu o ano pasado, impulsada por un grupo de mulleres comerciantes. No que levamos de ano, a campaña chegou en xaneiro á tenda de moda e complementos Cousa Linda, que deu a coñecer os traballos de investigación da delegación da Coruña da Asociación Española contra o cancro. En febreiro, tocoulle á xoiaría José Antonio, que colaborou con Sociedade Internacional de Galicia; en marzo a xoguetería EscondiT difundiu o traballo da Obra Social de Pediatría; e xa en abril, a tenda de alimentación D- Aldea difundiu o labor da Asociación Abeiratúa, que traballa con enfermas oncolóxicas. En maio, a campaña estivo centrada en visibilizar o labor da Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, en colaboración con “La Tienda de María”; e en xuño a campaña estivo protagonizada por Atmósfera Centro Deportivo, que divulgou o traballo de ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Parkinson e ELA. En xullo, a colaboración foi entre ELA Interiorismo e Agadea.

Publicacións Relacionadas