HomePontevedraBaixo MiñoO Rosal convértese no centro do cine curto coa V Mostra do...

O Rosal convértese no centro do cine curto coa V Mostra do Cinema

- Anuncio -spot_img

A cita arranca o 6 de agosto con 32 curtametraxes finalistas, música en directo, convidados de prestixio e actividades para o público durante cinco días

O vindeiro 6 de agosto comeza a fase final da V Mostra de Cinema do Rosal, un evento xa consolidado no calendario cultural da comarca, organizado pola asociación Ghorghalado co patrocinio do Concello do Rosal e a colaboración de entidades privadas como ROEIRASA e Viveiros da Barxa.

Ao longo de catro noites, proxectarase un total de 32 curtametraxes de variados xéneros, seleccionadas entre máis de 1.100 obras recibidas nesta edición, procedentes de países como Francia, Canadá, Corea, Xapón e China. Inicialmente, unha escolma oficial reuniu 53 títulos, dos que se elixiron 28 finalistas que competirán polos sete galardóns que se entregarán este ano.

A programación desenvolverase entre o 6 e o 10 de agosto na Praza do Maio de Tabagón. A inauguración será o mércores 6 ás 21:00 horas cun concerto do multi-instrumentista Bieitosolo, que interpretará pezas inspiradas no cinema. Ao rematar, dará comezo a primeira proxección, algo máis breve que o resto de xornadas debido á actuación musical.

As sesións do xoves 7, venres 8 e sábado 9 comezarán ás 22:00 horas, con oito curtas por xornada e unha duración aproximada de 90 minutos. Fiel ao espírito acolledor da Mostra, cada noite ofrecerase chocolate quente de balde ao público. Como peche especial, o sábado celebrarase unha queimada tradicional ao rematar a sesión, aberta a todas as persoas asistentes.

Paralelamente e desde o 2 ao 16 de agosto estará aberta  na sala de exposicións do concello unha exposición relacionada co cinema. Baixo o título de ORIXES DO CINEMA, fai un percorrido pola historia do sétimo arte, partindo polo interese do ser humano por plasmar o movemento ata o final dos anos trinta do pasado século.

A clausura terá lugar o domingo 10, a partir das 12:30 horas, nos xardíns do Concello do Rosal, cun acto de entrega de premios amenizado pola música en directo de Marina Sorin e Nacho Mastretta. As categorías recoñecidas serán: mellor curta segundo o xurado, mellor curta segundo o público, mellor interpretación, mellor guión, mellor fotografía, mellor curta de temática social e mellor curta rural. Cada premiado recibirá o símbolo da Mostra, o labirinto castrexo en granito, ademais dunha dotación económica.

A actividade da Mostra non se limitará á súa semana central. Xa durante o mes de xullo se celebraron proxeccións en distintas localidades do Rosal, e está previsto que continúen ao longo de agosto, co obxectivo de achegar o cinema a todas as parroquias do concello e tamén a municipios próximos.

A edición deste ano contará coa presenza de convidados de relevancia no ámbito audiovisual. Entre eles, destaca Nani Matos, gañador do premio do público na pasada edición e autor das curtas multipremiadas como Lurna e Antes de que se poña o sol. Tamén asistirá Alberto Díaz, director e guionista cun impresionante palmarés de máis de 2.000 seleccións e 350 premios internacionais.

Outro convidado confirmado é Joan Álvarez Durán, director e guionista de filmes como The Dark, Ghost ou O Sistema, e autor de longametraxes como O libro das augas ou The Forsaken. Finalmente, destacarase a presenza de Antonio Durán, coñecido como Morris, un dos actores galegos máis recoñecidos, gañador de catro premios Mestre Mateo e protagonista dunha das curtas finalistas desta edición.

Publicacións Relacionadas