HomeO MorrazoBueuLuis López asina co alcalde de Bueu, Félix Juncal, o convenio para...

Luis López asina co alcalde de Bueu, Félix Juncal, o convenio para investir preto de 900.000 euros no novo parque Urbano Lugrís, financiado integramente pola Deputación

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial salienta o compromiso da Deputación para cooperar cos concellos na execución de proxectos estratéxicos que modernizan o espazo urbano e crean contornas para o desfrute da veciñanza

A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Bueu a través dos plans de Cooperación é de preto de 2 millóns de euros

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Bueu, Félix Juncal, para o financiamento do proxecto de creación do novo parque Urbano Lugrís. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Juncal selaron un acordo para impulsar a actuación, que ascende a preto de 900.000 euros e que serán financiados pola Deputación de Pontevedra integramente, con preto de 675.000 euros do Plan Extra e outros 225.000 euros do +Provincia.

O proxecto contempla crear un lugar público accesible, integrador e un espazo de calidade, inclusivo, para o lecer interxeracional, para o esparexemento e a convivencia cidadá. O obxectivo é construír un espazo para desenvolver actividades diversas de xeito seguro e para colectivos de diferentes idades. Deste xeito, na parcela verde actual, vaise adecuar o terreo e executar soleiras para, a continuación, realizar a pista multideporte, un skatepark bowl e un parkour. Ademais a zona contará con novas pavimentacións, novo mobiliario urbano e alumeado con tecnoloxía LED máis eficiente.  

A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello de Bueu non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial preto de 2 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.

Publicacións Relacionadas