- O Festival de Jazz terá lugar mañá sábado día 2 de agosto con concertos, obradoiros, postos e actividades para ser desfrutadas por todos os públicos
- Para animar a participar vestidos actívase un cupón desconto do 10% no comercio local Don Disfraz e un concurso con premios de 100€
Ponteareas vístese de anos 20 para recibir o Festival de Jazz que este ano ofrece un completo programa para que profesionais, afeccionados e público en xeral atope actividades coas que entreterse. Obradoiros, conferencias, concertos, actividades infantís, clases de baile e para completar a oferta, unha ruta de petiscos “Sabores de Nueva Orleans-Jazz Bites” na que participa a hostalaría local. O Concello de Ponteareas recolle todas as propostas culinarias nunha ligazón web para que calquera persoa poida acceder dende o seu smartphone https://pinchotea.ponteareas.gal/actividad/tapas-jazz-street/
Explica o concelleiro de Comercio, Ricardo González, que a través das súas creacións gastronómicas o público poderá viaxar no tempo e mergullarse no sabor desta época. “Algúns pratos seguen o estilo clásico da cociña do sur dos Estados Unidos, mentres que outros incorporan un toque persoal e creativo”.
Ven vestido, descontos nas compras e premios!
Unha das apostas é a recreación polo que o Concello de Ponteareas convida a participar vestido de anos 20 e para iso ofrece, en colaboración coa empresa local Don Disfraz, un vale de desconto do 10% activando o cupón JAZZ10
As persoas que se caractericen dos anos 20 e suban unha foto durante o festival a Instagram poderán participar no concurso da mellor caracterización, cun vale de 100€ para gastar no comercio local. Tamén se premiará a mellor fotografía do ambiente do festival, con outro vale de 100 €. Para participar, só teñen que incluír obrigatoriamente as etiquetas @ponteareas_gal e os hashtags #thejazzstreet e #jazzenponteareas. As persoas gañadores serán anunciados o luns nas nosas redes sociais.
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, explicou que “este festival nace como un espazo de encontro para todas as persoas, tanto para quen xa ama o jazz como para quen quere descubrilo por primeira vez. A través de concertos, desfiles, obradoiros e actividades participativas, buscamos que o público poida vivir o jazz con todos os sentidos. Ademais, este festival aposta polo talento galego: abrimos escenario a músicos novos, estudantes e agrupacións locais que atopan aquí unha oportunidade real para formarse, tocar en directo e compartir espazo coas grandes figuras do xénero en Galicia. Queremos que Ponteareas sexa un punto de partida para novas carreiras e, sobre todo, para novas paixóns”.
O festival ofrecerá unha programación variada que combina formación, divulgación, música en directo e animación nas rúas. Entre as actividades previstas atópanse o obradoiro “Armonía e ensemble do jazz”, impartido por Felipe Villar, docente no Conservatorio Mayeusis e director do Nigranjazz, e a charla-presentación “O jazz en Galicia”, a cargo do profesor e investigador Adrián Besada, quen achegará ao público a historia deste xénero na nosa terra a través do seu novo libro.
Programa
A música en vivo será protagonista coas actuacións de Inés Carreño Cuarteto (jazz contemporáneo con raíces galegas. Unha actuación chea de frescura, talento e composicións propias), Marcos Pin Trío (jazz contemporáneo con personalidade propia. Un trío que combina tradición e creatividade nunha actuación chea de matices) e a animación itinerante da St. James Dixie Band. O público tamén poderá participar nunha jam session e nunha clase de iniciación ao swing para todos os públicos. O festival contará tamén cun recuncho infantil e obradoiros pensados para que os máis cativos gocen e descubran o espírito do jazz dun xeito divertido e participativo. A colaboración dos hostaleiros e comerciantes locais será clave para dar vida a esta recreación, achegando á veciñanza e visitantes unha pequena mostra gastronómica inspirada nos sabores dos anos 20.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro destacou que “con este festival apostamos por achegar o jazz a todos os públicos, creando espazos de participación e desfrute na rúa, combinando formación, música en directo e animación coa vontade de dinamizar cultural e socialmente o noso concello. Ademais, queremos animar a que os veciños e veciñas, ademais de todas aquelas persoas que nos visiten nesta data, se animen a revivir esta época tan especial da historia vestíndose de temática dos anos 20 coas súas familias e amigos”.
RESUMO DO PROGRAMA
18:00h – Rincón Infantil e Obradoiros (Praza Maior)
18:00h – La Jam de la Casa de Arriba en Cuarteto (Praza Maior)
19:15h – A Linguaxe do Jazz (Conservatorio de Ponteareas)
20:30h – Clase Swing On! (Praza Maior)
20:45h – O Jazz en Galicia (Centro Asociado da UNED)
22:15h – Concerto: Marcos Pin Trio (Praza Maior)
23:45h – Concerto: Inés Carreño Cuarteto (Praza Maior)
Outras actividades:
St James Dixie Band (Animación itinerante)
Sabores de New Orleans – Jazz Bites (Ruta de tapas)