HomeO MorrazoBueuA Deputación leva este martes a Bueu o circuíto +Escénicas cun espectáculo...

A Deputación leva este martes a Bueu o circuíto +Escénicas cun espectáculo de ‘clown’ para todos os públicos

- Anuncio -spot_img

“Rogelio III. La fête”, de AsSircópatas en coprodución coa Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, representarase ás 20:30 horas na Praza Massó

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este martes 5 de agosto o circuíto +Escénicas ao concello de Bueu da man do espectáculo de ‘clown’ para todos os públicos “Rogelio III. La fête”, a cargo da compañía AsSircópatas en coprodución coa Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Rogelio III. La fête” é a terceira parte dunha triloxía protagonizada por esta personaxe interpretada polo actor Dani Blanco. Representarase na Praza Massó ás 20:30 horas e desenvólvese arredor da idea de que acontecería se ninguén asistise á nosa festa de aniversario e ninguén nos cantase os parabéns. Neste espectáculo combina circo, clown, corda frouxa, malabares e música con moito humor, e foi finalista á mellor proposta para público familiar nos Premios María Casares 2025.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas