A agrupación actuará no Arboredo da Xunqueira ás 23:00 horas no marco do IX Festival de Jazz de Moaña
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este venres 8 de agosto a Moaña un concerto da Orquestra Galega de Liberación enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no Arboredo da Xunqueira ás 23:00 horas no marco do IX Festival de Jazz.
Orquestra Galega de Liberación está formada por 20 músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación. Recoñecidos internacionalmente nos distintos eidos do mundo clásico, do jazz, da vangarda e da performance, presentarán en Moaña unha ambiciosa proposta musical na que empregan técnicas de improvisación dirixida e linguas de signos aplicadas á composición multidisciplinar en tempo real, como o Soundpainting.
O concerto de Orquestra Galega de Liberación é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.