O Bloque demanda horarios amplos de luns a domingo para toda a rede museística e critica a xestión municipal que mantén os espazos culturais na “penumbra permanente”.
Xabier P. Igrexas: “A Noite Branca demostrou que abrir os museos atrae visitantes, pero Vigo merece espazos culturais vivos todos os días, non só unha noite ao ano”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volve insistir na necesidade de ampliar os horarios de apertura dos museos de Vigo, tras as recentes declaracións do alcalde Abel Caballero celebrando o éxito da Noite Branca, que sumou 4 mil visitas nos diferentes museos da cidade. O BNG subliña que a chave para atraer visitantes é manter os museos abertos con horarios máis amplos e accesíbeis.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cuestionou a xestión dos horarios actuais. “Que sentido ten ter espazos como a Pinacoteca que ningún día da semana abren máis de 5 horas? Ou un Verbum convertido nun espazo multiusos sen apenas uso?” interpelou Igrexas.
Igrexas sinalou un “dato incontestábel” que é que “ningún museo de Vigo abre máis de 41 horas á semana, fronte ás 54 horas do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, as 58 horas do Museo Provincial de Pontevedra, ou as até 70 horas dalgúns centros dos museos da Coruña”. Esta insuficiencia nos horarios de apertura é evidente no caso do MARCO, que a pesar de ser o espazo expositivo con mellor horario, continúa a ter máis visitas nas actividades do seu auditorio que nas súas exposicións.
“A Noite Branca é unha boa iniciativa, pero o problema é que cando remata os museos de Vigo volverán á escuridade debido á nefasta política cultural do Goberno municipal”, resumiu Igrexas. “Está moi ben que unha noite ao ano os museos abran as súas portas, pero as viguesas e vigueses queren poder visitalos todos os días do ano”, acrecentou, lamentando que a rede museística de Vigo recibe hoxe a metade de visitas que no 2011.
Por iso, o BNG reiterou a súa demanda de que se garanta un mínimo de 8 horas de apertura diaria, de luns a domingo, para todos os museos e espazos expositivos do Concello. “Os museos poden e deben ser un espazo para avanzar na democratización do acceso á cultura, porque a cultura é un dereito”, declarou Igrexas.
“Vigo é unha cidade cunha enorme forza creativa, unha cidade de arte e de cultura, e por iso non se pode permitir que a desertización cultural provocada polo Goberno de Caballero teña os seus museos na penumbra permanente”, remachou Igrexas.