HomePontevedraO BNG de Vigo rexeita o “uso arbitrario” dos recursos públicos polo...

O BNG de Vigo rexeita o “uso arbitrario” dos recursos públicos polo goberno de Caballero

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista oponse ás partidas incorporadas na modificación orzamentaria para consumar o desaloxo da FAVEC da súa sede, ás subvencións á Igrexa Católica e á promoción do turismo masivo

O Bloque defenderá no Pleno un voto particular as súas emendas para priorizar vivenda, servizos sociais, igualdade, cultura, deporte e a mellor atención dos barrios e parroquias

Xabier P. Igrexas: “Os recursos do Concello deben utilizarse para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses, non para amordazar a quen discrepa nin para seguir financiando unha confesión relixiosa”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou hoxe o uso “arbitrario” dos recursos públicos por parte do Goberno municipal de Abel Caballero, que nas modificacións orzamentarias previstas para o próximo Pleno destina 215.000 euros a consumar o desaloxo da Federación de Asociacións Veciñais (FAVEC) da súa sede, 635.000 euros a novas subvencións á Igrexa católica e outros 200.000 euros para promoción turística.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, anunciou que a fronte nacionalista levará un voto particular ao Pleno para suprimir estas partidas e incorporar outros 37 millóns de euros en remanentes para os destinar a políticas de vivenda, servizos sociais, igualdade, barrios, cultura e deportes, fronte á “xordeira autoritaria” dun Goberno que rexeitou as 14 emendas formuladas pola fronte nacionalista.

Uso arbitrario

As modificacións orzamentarias propostas polo Concello evidencian para o BNG unha xestión que prioriza intereses alleos ás necesidades da cidadanía. Como a partida de 215 mil euros para “reacondicionar” a que foi sede da FAVEC para a destinar a dependencias administrativas da oficina urbanística de rehabilitación. “Os recursos públicos do Concello non poden servir para desaloxar de maneira autoritaria ao movemento veciñal da sede da que dispuñan desde hai 30 anos como represalia polas posicións reivindicativas e críticas da FAVEC”, criticou Igrexas.

O BNG tamén rexeita os 635.000 euros que Caballero pretende destinar a novas subvencións á Igrexa católica para a conservación do seu patrimonio, lembrando que xa recibiu máis de 1 millón de euros nos últimos cinco anos. Piden tamén a supresión do aumento de 200.000 euros para a promoción dun modelo de turismo “insustentábel e irracional”, cando as partidas orzamentarias dedicadas a turismo xa superan o orzamento anual para axudas sociais do Concello ou o Plan de Emprego Municipal.

De aí que que a fronte nacionalista propoña suprimir estas tres partidas e mobilizar 37 millóns de euros adicionais dos remanentes a través das súas emendas, centradas en vivenda, axudas sociais, igualdade, melloras nos barrios, instalacións deportivas, patrimonio cultural e promoción do galego.

“Desde o Bloque Nacionalista Galego defendemos que os recursos do Concello deben utilizarse para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses, e non para amordazar a quen discrepa nin para financiar unha confesión relixiosa”, afirmou Igrexas, destacando que as propostas do BNG buscan triplicar os fondos para vivenda, duplicar as axudas sociais e crear un “Plan Cidade” de 15 millóns para os barrios.

Xordeira autoritaria

Igrexas afeou a “xordeira autoritaria” de Caballero após o rexeitamento, na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda celebrada este martes, das 14 emendas nacionalistas para incorporar nas modificación orzamentarias. “En total, sumando o rexeitamento de todas as nosas emendas na tramitación do orzamento ordinario deste 2025, Caballero dixo ‘non’ 166 veces as propostas do BNG para reforzar política social e de vivenda, aumentar os investimentos nos barrios e parroquias, despregar unha verdadeira axenda feminista, reverter a desertización cultural e o abandono de deporte e apostar por un Vigo máis sustentábel”, criticou.

O portavoz municipal nacionalista acusou a Caballero de “negarse a escoitar nin a atender ningunha proposta, nin do BNG, nin do tecido asociativo, nin de ninguén”. Unha actitude que cualificou de  “antidemocrática” por non entender que “facer cidade é tarefa de todas e todos”.

Alternativa en positivo

No entanto, fronte ao “non permanente” do Goberno municipal e a “falla de proxecto e de xestión de quen só ofrece máis do mesmo”, Igrexas proclamou que o BNG seguirá a defender unha alternativa en positivo para “avanzar na construción dun novo Vigo, entre todas e para todos”. “Un Vigo moito máis verde, máis habitábel e máis igualitario, con máis e mellores servizos públicos e coas persoas no centro das políticas municipais”, remachou.

Publicacións Relacionadas